O grupo municipal da Marea
Atlántica insta ao goberno municipal a respectar o
formato
exitoso do Festival Noroeste
Solicitamos a convocatoria do Consello da Memoria Democrática para avanzar na recuperación da Casa Cornide para a cidade da Coruña
O grupo municipal da Marea Atlántica insta ao goberno
municipal a conservar o formato do Festival Noroeste tal e como se desenvolveu
nas últimas edicións, co que se converteu nunha cita de referencia en todo o
Estado, recoñecida en numerosas publicacións e programas especializados.
Despois das declaracións do concelleiro de Cultura e Educación, Jesús Celemín,
poñendo en dúbida o formato do festival, queremos lembrarlle que neste último
ano reuniu a 100.000 persoas e consolidou a súa identidade: actuacións
deslocalizadas en diferentes puntos da cidade e maioritariamente gratuítas,
mestura de estilos en escenarios diversos, destacada presenza de mulleres e
respecto escrupuloso polos dereitos laborais.
O Noroeste, tal e como foi orientado desde 2016, situou A
Coruña no mapa dos festivais de verán e fíxoo salientando os valores da cultura
aberta, a diversidade e o feminismo. De seis concertos nunha fin de semana
pasamos a unha semana con máis de 90 actuacións repartidas pola cidade, con
máis de 75 bandas e 150 horas de música: un formato único, recoñecido e
exitoso. Animamos ao goberno local a non dar pasos atrás neste sentido.
Recuperación da Casa Cornide
Do mesmo xeito, solicitámoslle ao concelleiro de Cultura que
proceda a convocar canto antes o Consello Municipal da Memoria Democrática,
constituído no anterior mandato, para avanzar canto antes na recuperación da
Casa Cornide para a cidade da Coruña.
O inmoble, de gran valor histórico e patrimonial, foille
entregado á familia Franco durante a ditadura cometendo unha fraude de lei,
como demostra unha carta do secretario de Franco feita pública recentemente
polo senador José Manuel Sande. Seguindo o camiño aberto polo Pazo de Meirás, é
tempo de avanzar na recuperación do patrimonio de toda a veciñanza da Coruña,
por dignidade e respecto á memoria histórica.
Lembramos, ademais, que o goberno local ten aínda pendente a
constitución das comisións plenarias, tanto ordinarias como especiais, así como
os consellos de administración das empresas públicas e outros órganos
colexiados. Solicitamos a súa rápida posta en marcha para poder continuar co
traballo político pendente.
Arquivo histórico e touradas
Nas súas intervencións, Jesús Celemín indicou o seu desexo
de trasladar o Arquivo Histórico ao Centro Cívico da Cidade Vella. Aínda que o
arquivo precisa, sen dúbida, ampliar as súas instalacións, o seu traslado debe
ser estudado a fondo.
Doutra banda, nas declaracións
do concelleiro Celemín, resulta tamén chamativa a súa equidistancia con
respecto á celebración das touradas na Coruña. Lembrámoslle que a sociedade
coruñesa deixou clara, con numerosas mobilizacións, a súa oposición maioritaria
ao maltrato animal, polo que agardamos que o Concello da Coruña mantela o seu
compromiso de non dar un só euro para evento nos que se pretenda facer un
espectáculo do sufrimento de seres vivos

No hay comentarios:
Publicar un comentario