O concello destinará por obriga
legal os 14,5 millóns de euros do remanente a pagar as sentenzas xudiciais
Hoxe, na Xunta de Voceiros,
trasladóuselles aos grupos da Corporación a contía que ten que ir destinada,
segundo o estipula a lexislación, a aboar as sentenzas xudiciais, que lle
suporán ao concello un pago de xuros anuais dun 3%, unha “sangría económica”
Inés Rey anuncia que a Comisión de
Facenda estudará a reorientación do orzamento municipal e destaca a boa
disposición de todos os grupos para atoparen un “mínimo denominador común de
propostas”
A
Coruña, 13 de abril de 2020.- A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e
o voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, trasladáronlles aos grupos da
Corporación, na Xunta de Voceiros, a conta da liquidación do ano 2019. Segundo
explicou Lage Tuñas, o remanente do concello ascende a máis de 14,5 millóns de
euros que terán que seren destinados, por obriga legal, a pagar as sentenzas
xudiciais firmes e as facturas pendentes de exercicios anteriores.
Neste senso, é importante destacar que as sentenzas
xudiciais lle estaban a supor ao concello un pago de xuros anuais dun 3%, “unha
sangría económica ano a ano”, segundo o voceiro do grupo de goberno.
Lage lembra que no pasado mes de novembro o
concello buscou unha solución para non cargar as sentenzas nos orzamentos
municipais e o Ministerio de Facenda autorizou a incorporación destas como
obrigas recoñecidas de pago na conta 413.
Desde xeito, tanto o superávit municipal como o
remanente líquido de tesourería teñen que se destinaren, case na súa
totalidade, a saldar estas obrigas.
Exactamente o concello tivo un remanente de
tesourería en 2019 de 14.581.686,93 euros e un superávit de 3.662.503,48 euros.
E, a conta 413, de obrigas recoñecidas, ascendía a 15.916.125 euros. Lage
lembra que até o 6 de abril saldáronse
1.335.604 euros desta conta de
obrigas recoñecidas.
COMISION DE FACENDA
Pola súa banda, Inés Rey, sinala que o Goberno local
está estudando unha serie de medidas para facer fronte aos efectos
socioeconómicos derivados da crise sanitaria pola pandemia do coronavirus
COVID-19. Asegura que a Comisión de Facenda estudará a reorientación do
orzamento municipal e destaca a boa disposición de todos os grupos para
atoparen un “mínimo denominador común de propostas”
Co fin de poñer en marcha estas medidas o concello
está estudando o impacto económico da crise nas arcas públicas para dirixir os
recursos existentes a cumprir cos obxectivos sinalados que son protexer as e os
máis vulnerables e dinamizar ao máximo a economía local.
“Temos que atopar
entre todas as forzas un consenso nas medidas que se vaian adoptar para
reorientar o orzamento, e acadaremos unha proposta común co maior grao de
acordo posible”.

No hay comentarios:
Publicar un comentario