A Corporación aproba por unanimidade as retribucións dos
concelleiros.
Na
sesión de organización, as cinco forzas políticas aprobaron o réxime das
sesións, as retribucións da Corporación e a creación das comisións xerais e
especiais en favor de converter A Coruña en cidade tecnolóxica, debater o
futuro do borde litoral e planificar no ámbito metropolitano os servizos
A Coruña, 8 de xullo de 2019.- O Pleno do Concello aprobou hoxe
por unanimidade as retribucións, idénticas tanto para os edís de goberno como
os da oposición dependendo da exclusividade da súa xornada laboral, nunha
sesión extraordinaria na que tamén se lle deu luz verde á periodicidade das
sesións ordinarias que pasarán a horario de mañá e celebraranse unha vez ao
mes, coa intención de desenvolver as propostas das distintas forzas políticas
con tempo.
En canto á creación e composición das comisións do
Pleno da Corporación, o voceiro do PSdeG-PSOE, José Manuel Lage, destacou a
posta en marcha de tres comisións de carácter especial: do Borde Litoral, da
cidade das TIC,s e unha terceira sobre como consorciar servizos coa área
metropolitana.
Lage subliñou que “o diálogo é unha ferramenta
política de primeira magnitude”, que ten permitido nestas tres primeiras
semanas chegar a acordos programáticos coas outras forzas progresistas, pero
tamén pactar o pleno de organización cos restantes grupos políticos. “Non hai
equidistancia, xa que a maioría progresista da Corporación é clara, pero tamén
teño que dicir que non vai haber cordóns sanitarios con ningún grupo”.
Amosou a disposición do goberno a dialogar con todos
grupos da corporación, independentemente da ideoloxía de cada partido e
explicou que “ábrese un tempo novo”.
“Hai que rematar coa política de trincheiras”
explicou Lage Tuñas para defender que aínda habendo diferenzas evidentes co
Partido Popular, “non se trata de illar a ninguén, senón todo o contrario,
temos que chegar a acordos pensando no interese xeral da cidadanía”. Así
explicou que “a vontade do goberno é
traballar conxuntamente con todos os grupos para que A Coruña recupere o
liderazgo social e económico”.
Todas as forzas políticas votaron a favor da proposta
de organización, que inclúe as retribucións dos edís e no caso do punto seis,
respecto á modificación do cadro de persoal eventual, a votación tamén foi unánime
a favor agás pola Marea Atlántica, que se abstivo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario