A Feira das Marabillas chega aos 25 anos de vida con seis
xornadas de artesanía,
gastronomía e música medievais
Do 23 ao 28 de xullo, os visitantes poderán mergullarse nesta
época a través de preto de 220 postos, espectáculos e actuacións diarias na
Cidade Vella e cun “Recuncho das Pícaras” para os máis pequenos na praza de
María Pita
A Coruña, 18 de xullo de 2019.- A alcaldesa Inés Rey presentou esta mañá xunto co
presidente da Asociación de Comerciantes da Cidade Vella (ACECA), Adolfo López,
a programación da XXV Feira das Marabillas, que se abrirá ao público o martes,
ás 11.30 horas e que situará aos visitantes no medievo durante seis xornadas
nas que haberá unha representación diaria e de balde dos antigos “concellos” no
adro da igrexa de Santiago porque, que era alí onde se facían no pasado. As
funcións programaranse todos os días ás 18.00 horas e será unha das novidades
xunto coa posta en escena dun dragón xigante que percorrerá o casco
histórico.
Inés Rey sinalou que o evento forma parte xa do ADN
das festas de María Pita e da cidade e lembrou que en cada edición se achegan
preto de 150.000 visitantes, polo que espera que este ano teña máis afluencia
aínda. Comentou a alcaldesa que desde o Concello se fará unha aposta forte
polos eventos estivais e animou aos coruñeses e turistas a visitar a Feira das
Marabillas e coñecer de primeira man a Cidade Vella, “un punto urbano ao que o
Goberno local lle adicará unha especial atención”. Apuntou que se traballará na
rehabilitación de vivendas, en políticas de aluguer que favorezan o dinamismo
do barrio e na urbanización para rematar ao mesmo tempo o proceso de
peatonalización iniciado polo anterior goberno.
Ademais, o colectivo organizará un encontro de música
medieval o sábado 27, ás 20.30 horas. En María Pita, instalarase o Recuncho das
Pícaras, onde os máis pequenos poderán desfrutar de camas elásticas, cadeiras
voadoras, barcaza, norias, un xadrez xigante, tiro con arco ou dunha garderíainspirada na época. Tamén poderán subir en atraccións e asistir a recreacións
como a de vestira uncabaleiro ou
participar en xogos inspirados no medievo. Faranse ao mesmo tempo demostracións
de fiado e cardado de lá, panaderías, torneiría de madeira e esparto. No resto
do perímetro, a Feira das Marabillas contará con preto de 220 postos que
estarán abertos nun horario de 11.00 a 14.30 e desde as 17.00 ás 02.00 horas,
cunha sección de 15 expositores en María Pita, ocupados exclusivamente por
artesáns.
O programa presentará citas musicais todos os días na
praza das Bárbaras e espectáculos de
danza, lume e acrobracias amenizando as prazas de Azcárraga e da
Constitución.
Adolfo López destacou a reactivación comercial que
supón este evento para a Cidade Vella xa que máis alá dos expositores da propia
feira, as visitas que reciben durante estes días tradúcense nun aumento dos postos
de emprego e do consumo nos locais de hostalaría e nos negocios do barrio.
Desde Seguridad Ciudadana anunciaron, tal e como vén sendo habitual, un plan de
tráfico na zona e o reforzo dos autobuses urbanos.
Ampliarase o servizo da liña 1, que realizará a última
saída desde o hospital Abente y Lago ás 23.45 horas. Así mesmo incorporarase
unha unidade máis ao Búho, o servizo nocturno, que realizará o percorrido á
inversa ao sentido habitual. Ademais, dado que todo o evento se desenvolve na
contorna da Cidade Vella, as saídas que habitualmente se levan a cabo desde o
Obelisco pasarán a realizarse desde o hospital Abente y Lago. As frecuencias do
servizo nocturno serán de 30 minutos, con saída ás horas no sentido Os
Castros-Castrillón e ás medias no sentido Labañou-Ronda de Outeiro.

No hay comentarios:
Publicar un comentario