Albada comezará mañá a retirar as preto de
12.000 toneladas de rexeitamentos acumulados en Nostián
A partir do luns, o persoal técnico municipal realizará
revisións na planta para comprobar que se cumpre cos requisitos esixidos administrativamente
A
Coruña, 29 de agosto de 2019.-
A empresa Albada comunicoulle este mediodía ao Concello que empezará
a retirar, a partir de mañá, as preto de 12.000 toneladas de rexeitamentos
acumulados desde o mes de abril, tal e como se lle solicitou
administrativamente, coa saída de camións da planta de Nostián. A partir do
luns, os técnicos municipais realizarán as revisións oportunas, tal e como se
estipula no requirimento que se lles enviou o pasado martes para comprobar que
cumpren cos requisitos esixidos.
Medio Ambiente, que leva desde o inicio do mandato
facendo un seguimento practicamente diario da situación, viuse na obriga de
actuar esta semana ante os riscos de seguridade que implica o amoreamento de
rexeitamentos para as traballadoras e traballadores e o perigo ambiental
derivado dunha provisión que xa invade as vías de accesos aos antigos vasos da
planta e que imposibilita case o tránsito a pé e en vehículos. Neste aspecto,
para mandar o terceiro dos requirimentos, aparellado a unha advertencia de
execución subsidiaria, o Concello tivo en conta o último informe técnico, no
que se estima que hai entre 10.000 e 12.000 toneladas de residuos almacenadas
na Coruña desde abril, cando a Dirección Xeral de Calidade Medioambiental
prohibiu o depósito de rexeitamentos do Concello da Coruña no vertedoiro de
Grixoa (Santiago de Compostela).
Por outra parte, a concellería estivo estes meses
en contacto permanente coa empresa a través de comunicados e persoalmente, “con
conversas fluídas e cordiais” na
busca dun apoio mutuo. Tamén mantivo encontros coas distintas administracións
coa reunión en xullo entre a alcaldesa Inés Rey
e o presidente Alberto Núñez Feijóo.
TRASLADO DIARIO
No escrito que se lles remitiu o martes, o equipo
municipal esíxelle tamén que se lles dea saída aos rexeitamentos que se están a
acumular a diario, procedentes do concello, para que non se produzan novos
aprovisionamentos nas instalacións. En concreto, reclámalle á UTE que retire
diariamente da provisión de proceso e afinamento amoreado un mínimo de entre
135 e 150 toneladas de acordo coas estimacións feitas polos técnicos municipais
de residuos, que prevén que cunha franxa de entre 24 e 26 camións diarios (de
luns a venres) se pode eliminar todo o rexeitamento amontoado, xestionando á
vez o que se xera pola operativa normal da planta, nun prazo máximo de catro
meses.
Deste xeito, Medio Ambiente solicítalle á empresa
un informe diario relativo ao control do movementos de saída da planta, no que
terán que distinguir entre Consorcio e Concello, especificando, para este
último, as toneladas correspondentes á xestión diaria e as do stock acumulado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario