Máis de 5.000 fogos representarán na
Batalla Naval a victoria da cidade ante o corsario Francis
Drake
O
corte total ao tráfico no Paseo Marítimo efectuarase ás 22.00 horas e a zona
recomendada para desfrutar do espectáculo, que comezará ás 23.00 horas, é desde
a praza de Portugal ata a fonte dos Surfistas
A
Coruña, 13 de agosto de 2019.-
As festas de María Pita trasladaranse mañá ao Paseo Marítimo, onde
se poderá gozar pola noite dun dos grandes eventos do ano, a Batalla Naval, en
que se darán 5.040 ordes de disparos para representar a vitoria da cidade ante
o ataque do corsario inglés Francis Drake. A empresa ourensá Xaraiva, que se
estrea na cita, ofrecerá unha posta en escena de case vinte minutos, en que
mesturarán unidades secuenciais e dixitalizadas desde os puntos lanzadeiras das
Escravas e a finca dos Mariño. Ademais dos fogos aéreos, a firma combinará
tamén pirotecnia acuática con efectos dixitais diversos. No ceo, poderanse ver
figuras de corazóns, salgueiros, abelorios, aros e caras, todo iso acompañado
de moito trono e de asubíos.
Por outra parte, unha ampla despregadura de
seguridade estenderase na zona durante a xornada de mañá para evitar que se
produciren incidencias. Desde hoxe ás 9.30 horas, que foi cando se instalou o
camión da empresa pirotécnica, está cortada ao tránsito de peóns a contorna das
Escravas, desde o paseo de Rolda, á altura da sala Moon, ata o principio do
areal de Riazor. Alí traballa a Policía Local xunto con seguridade privada para
impedir que pase a xente.
O segundo punto de lanzamento, a finca dos Mariño,
activarase mañá. Nas Escravas establecerase un perímetro de seguridade de 300
metros terrestres e 600 metros acuáticos. A partir das 21.00 h, prohibirase que
circulen vehículos na contorna das Escravas, incluída a explanada do Pazo dos
Deportes. Quedará inutilizado tamén o paseo entre a praza de Portugal e as
Escravas, xa que sobre a baía ofrecerase un espectáculo de fogos acuáticos de
máxima potencia, en concreto, de 150 milímetros.
O corte total do Paseo Marítimo ao tráfico
realizarase ás 22.00 h. A organización recomenda desfrutar do show desde a
praza de Portugal á fonte dos surfistas. De momento, as predicións
meteorolóxicas apuntan a que haberá precipitacións á tarde pero que remitirán á
noite, polo que non se espera que as inclemencias do tempo imposibiliten ver o
espectáculo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario