Os coordinadores dos incendios de Gran Canaria e do rescate de
Totalán participarán na Semana de Prevención de Incendios
A cita, que terá lugar do 10 ao 15
de outubro, incluirá actividades infantís e para persoas adultas na praza de
María Pita, así como unha xornada de emerxencias o 3 de outubro
Bombeiros A Coruña e o Concello, en
colaboración coa APTB (Asociación Profesional de Técnicos Bombeiros), organizan
do 10 ao 15 de outubro a Semana da Prevención de Incendios A Coruña 2019,
durante a que ofrecerán na praza de María Pita actividades infantís e para
persoas adultas e que terá unha xornada de emerxencias o 3 de outubro, dirixida
a profesionais do sector e interesados na materia. Por primeira vez poderanse
escoitar nun evento deste tipo os coordinadores xerais que traballaron este
verán nos lumes forestais de Gran Canaria e tamén os que dirixiron as
operacións no rescate do pozo de Totalán, en Málaga.
Ademais, expertos instruirán as persoas asistentes na
protección contraincendios nas edificacións e nos incendios industriais. Tamén
haberá tempo para visitar un edificio singular, no que persoal cualificado fará
unha análise dos medios de protección contraincendios.
En canto ás actividades para o público en xeral,
haberá seis talleres para nenas e nenos, tanto de colexios como particulares,
que se acheguen a María Pita, nos que poderán lanzarse por unha tirolesa,
vestirse de bombeira ou bombeiro, xogar nunha casa inchable con fume ou facer
un “rescate” en altura. Para as persoas adultas, a semana ofrécelles obradoiros
sobre protección dos lumes no fogar e nos accidentes de coche ou no manexo de
extintores e detectores de incendios. A semana que vén abrirase o prazo para
inscribirse.
No hay comentarios:
Publicar un comentario