Turismo convida a tripulación do veleiro brasileiro “Cisne
Branco” a participar na regata Tall Ships Races
Os altos mandos do buque da Armada do país suramericano, que
fará escala ata o domingo na cidade, foron recibidos pola concelleira Diana
Cabanas e a xerenta Lanzada Calatayud no Concello, onde intercambiaron
agasallos
A
Coruña, 23 de agosto de 2019.-
A concelleira de Turismo, Diana Cabanas, e a xerenta do Consorcio de
Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud, recibiron esta mañá na Alcaldía os altos
mandos do veleiro escola “Cisne Branco” da Armada do Brasil, nun encontro en
que se lles entregou unha métopa co escudo da cidade e en que a tripulación
lles correspondeu cunha publicación sobre a armada brasileira, que doarán,
segundo eles mesmos pediron, a unha biblioteca pública para que as coruñesas e
os coruñeses coñezan máis sobre o seu país e o labor que desenvolve este
corpo.
No acto, a edila convidounos a participaren na
próxima regata Tall Ships Races International Limited, que fará escala na
cidade do 24 ao 27 de xullo de 2020. Pola súa parte, confirmaron que xa
suxeriron a asistencia ao evento na Armada, xa que supón unha oportunidade
excelente de cara a divulgar Brasil e mais o traballo da institución. Trátase
da primeira vez que o “Cisne Branco” arriba no porto coruñés desde que está
operativo no 2000. Os 66 tripulantes do buque gozarán dunha estadía na cidade
ata o domingo.

No hay comentarios:
Publicar un comentario