A pesar das declaracións de Inés Rey, o goberno local non resolveu os impagos das novas altas na prestación e prórrogas concedidas nas últimas semanas. Os nosos votos están dispoñibles para dar unha solución
Esiximos a constitución e convocatoria urxente da Comisión de Benestar Social, para que a concelleira Yoya Neira explique por que lles nega a persoas en risco de exclusión os recursos aos que teñen dereito.
O grupo municipal da Marea Atlántica denuncia que continúan a producirse atrasos e impagos
na Renda Social Municipal. As novas prestacións concedidas, e as prórrogas
de persoas que superaron os seis meses non cobraron nas últimas semanas a axuda
que lles corresponde por dereito. A pesar de que a alcaldesa, Inés Rey,
prometera o 23 de agosto resolver o problema ao día seguinte, segue habendo
persoas en risco de exclusión que teñen dereito recoñecido a unha axuda e non a
están a cobrar.
A situación é moi grave, e require solucións rápidas.
Urxe tamén constituír e convocar a Comisión de Benestar Social para que a
concelleira Yoya Neira explique por que en tres meses non foi quen de
normalizar o pago das prestacións. Se estamos ante un problema de xestión, é
responsabilidade súa resolvelo. E se o problema é a falta de crédito nos
orzamentos prorrogados, repetimos que os nosos votos están a disposición para un
modificativo para dotar ás axudas dos fondos necesarios.
Xa en xuño, tanto no traspaso de poderes como nas
negociacións do acordo para o inicio do mandato, trasladámoslle ao Partido
Socialista da Coruña que existían problemas de crédito, causados polo o bloqueo
dos Orzamentos 2019. Ao ter que prorrogar os orzamentos, os 1,6 millóns que se
estimaban necesarios necesarios para a Renda Social no 2019 quedaron en
1.028.393,84, un 35% menos. En
situación similar se atopan as axudas de emerxencia, que
deberan ter 1,1 millóns de euros reservados, pero quedaron en 804.000 € (-20 %).
Unha vez máis, lembrámoslle ao PSOE da Coruña que pode contar cos nosos votos para resolver o problema, pero ten que actuar xa. A súa falta de
xestión estana a pagar as persoas que teñen na Renda Social Municipal o seu
último recurso para fuxir da pobreza, pois é a axuda que lle queda a quen xa
lle denegaron outras prestacións máis restritivas como a Risga da Xunta.

No hay comentarios:
Publicar un comentario