Traductor

miércoles, 4 de septiembre de 2019

Notas do Concello da Coruña


O Concello apoia o programa O Camiño dos Valores para a reinserción na sociedade de menores con problemas de conduta

O maxistrado José Antonio Vázquez Taín presentoulle á alcaldesa, Inés Rey, unha iniciativa posta en marcha en Canarias que busca a reinserción na sociedade de menores condenadas/os a través da convivencia no Camiño de Santiago

  


A Coruña, 3 de septiembre de 2019.- O maxistrado José Antonio Vázquez Taín presentoulle esta mañá á alcaldesa, Inés Rey, unha nova edición do programa O Camiño dos Valores, que se levará acabo do 10 ao 14 de setembro, e no que participarán máis de 175 mozas e mozos de toda España. 
Unha iniciativa que, tal e como anunciou a rexedora, contará co total apoio do concello. “Un programa que espero que se manteña os próximos anos”, sinalou Rey, “porque son unha acérrima defensora dos programas de reinserción de menores que se poñen en marcha desde as institucións públicas”.

Esta nova edición do Camiño dos Valores comezou en Canarias e continuará cun percorrido do Camiño Inglés. “Un grupo de persoas acompañaremos a mozas e mozos de Canarias e doutras provincias españolas, en risco de exclusión social, a realizar diferentes etapas do Camiño de Santiago”, explicou o maxistrado. Atendendo a invitación do xuíz, a alcaldesa acompañará as e os menores nunha primeira saída simbólica desde A Coruña o próximo 9 de setembro. A saída real efectuarase o día 10 de setembro e serán catro xornadas de convivencia.

O obxectivo é mostrarlles unha sociedade diferente, motivalas/os a buscar unha oportunidade na vida e a crear as súas propias metas. “Trátase de que durante a ruta poidan descubrir novos valores e recuperar o verdadeiro significado deste camiño como sanción”, indicou Vázquez  Taín.
O Camiño Inglés-Camiño dos Valores enmárcase dentro do proxecto UP2U, posto en marcha pola xuíza canaria Reyes Martel, que pretende axudar a menores con problemas de conduta e en risco de exclusión social. “Un programa que busca a reeducación da mocidade e fomentar a convivencia entre ela”, explicou o maxistrado durante o seu encontro coa rexedora. “Ás veces ti intentas darlle a unha moza ou un mozo unha mensaxe e non nos fan caso, con todo, a convivencia entre eles failles albiscar un futuro mellor”, explicou Vázquez Taín. 




Rey destaca o éxito de asistencia e de investigacións que se
analizarán no EUSIPCO 2019

A alcaldesa inaugurou esta mañá a European Signal Processing Conference, cunha intervención na que remarcou a cantidade de traballos, ao redor de 500, sobre os que debatirán as e os participantes nunha cita, na que se poñerán sobre a mesa as últimas innovacións no procesamento de sinais   



A Coruña, 3 de setembro de 2019.- A alcaldesa Inés Rey inaugurou esta mañá a vixésimo sétima European Signal Processing Conference, dentro do congreso EUSIPCO 2019 (Congreso Europeo de Procesamento de Sinal), no que participarán ata o 6 de setembro en Palexco preto de 800 persoas, entre enxeñeiras e enxeñeiros de telecomunicacións, de informática e matemáticas e matemáticos, procedentes de ata 52 países. A rexedora destacou os máis de 800 artigos sobre procesamento de sinais que se presentaron, dos que se analizarán neste encontro sobre 500: “Este é un gran éxito para as organizadoras e os organizadores e para a súa disciplina académica en xeral”. Rey convidou os asistentes a coñecer os encantos dunha cidade que acollerá no Aquarium Finisterrae outra das conferencias e que ten un símbolo como é a Torre de Hércules, que está declarado Patrimonio da Humanidade desde hai dez anos. 
Por iso, animou a que saíran a pasear pola Coruña para desfrutaren da súa riqueza culinaria e monumentos. No congreso, as e os asistentes debatirán sobre o groso dos traballos e poñerán sobre a mesa as últimas innovacións nesta materia. No acto inaugural, tamén acudiu a conselleira de Educación da Xunta de Galicia, Carmen María Pomar, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e os copresidentes do comité organizador, os profesores Luis Castedo (UDC) e Mónica Bugallo (Stony Brook University, New York, USA), así como o presidente de EURASIP (European Association for Signal Processing), a sociedade que promove estes encontros, Patrick Naylor.  



Rey comprométese a mellorar a mobilidade de Mesoiro e Vio

A alcaldesa visitou os barrios para comprobar en primeira persoa deficiencias na limpeza viaria e a necesidade de incorporar mobiliario urbano para o lecer




A Coruña, 3 de setembro de 2019.-  A alcaldesa Inés Rey visitou esta mañá o barrio de Mesoiro e Vio da man dos responsables da asociacións de veciños Xunqueiras-Mesoiro e Vio, que lles amosaron as deficiencias dunha zona para a que piden, no caso de Mesoiro, un cambio de sentido na camiño de Pouporon coa finalidade de que o camión do lixo circule pola parte máis alta e dea servizo así a todas as veciñas e veciños que, na actualidade, teñen que desprazarse moitos metros para depositar os residuos. 

A rexedora comprometeuse tamén a estudar a posibilidade de recuperar algún dos soares para o aparcamento e o lecer coa incorporación de bancos e mobiliario urbano e apuntou a queixa dos residentes na estrada DP-0512 sobre os vehículos que estacionan nas beirarrúas e impiden o paso, polo que a alcaldesa propón a instalación de bolardos e pasos elevados para reducir a velocidade dos coches. 

En Vio, Rey comprobou en primeira persoa a necesidade de asfaltar o camiño de acceso ao núcleo e realizar unha limpeza viaria regular nas principais rúas para evitar a proliferación de maleza. Ademais, os afectados comentáronlle outros problemas como fincas privadas e doutras institucións que poñen en risco o barrio ao estaren abandonadas e a falta de presión da auga corrente.






No hay comentarios:

Publicar un comentario