Traductor

miércoles, 4 de septiembre de 2019

Información do Concello da Coruña


Vegalsa-Eroski apoiará o programa “Cultura
Accesible e Inclusiva” da Fundación Emalcsa

A compañía acaba de renovar o acordo como patrocinador da iniciativa, que trata de acercar a cultura ás persoas con diversidade funcional, cunha achega económica de 18.000 euros




A Coruña, 2 de setembro de 2019.- A compañía Vegalsa-Eroski renovou esta mañá o convenio de colaboración coa Fundación Emalcsa para apoiar cunha achega económica de 18.000 euros o programa “Cultura Accesible e Inclusiva”, que xestiona a entidade municipal. Á sinatura do acordo acudiron o director xeral de Vegalsa-Eroski, Joaquín González, e a alcaldesa e presidenta da Fundación Emalcsa, Inés Rey. 

A compañía reforza un ano máis o seu apoio ás persoas con diversidade funcional cunha iniciativa que lles achega a cultura e pretende lograr a igualdade de oportunidades no acceso e desfrute das actividades que oferta a cidade. Tamén afonda na eliminación de obstáculos para a plena participación de toda a cidadanía. Desde a empresa queren contribuír a conseguir que as persoas con diversidade funcional poidan desenvolver e empregar todo o seu potencial creativo, artístico e intelectual “xa que cremos firmemente no seu valor engadido para toda a sociedade”, afirman. 

Como patrocinador, Vegalsa-Eroski terá presenza en todos os actos de difusión pública e en soportes publicitarios e de comunicación que teñan que ver co programa “Cultura Accesible e Inclusiva”.



 O Concello encargarase do pantalán da Sociedade Deportiva As Xubias como primeiro paso para a futura base náutica municipal de Oza

A Xunta de Goberno Local aprobará tamén mañá a cesión dos fondos da biblioteca do Ateneo Republicano doados pola familia Alvajar
 
A Coruña, 2 de septiembre 2019.-  A Xunta de Goberno Local asumirá mañá a cesión dun pantalán desmontable por parte da Sociedade Deportiva As Xubias, que pasará a formar parte do proxecto da Estación Náutica Municipal de Oza. O Concello encargarase da súa revisión, instalación e mantemento. 
Trátase, explican desde Deportes, dun primeiro paso para poñer en marcha na explanada de Oza unha base para deportes e ocio náutico. Un complexo deportivo que tamén servirá nun futuro de sede das Escolas Deportivas Municipais. O proxecto xa conta coa aprobación da Demarcación de Costas, pero está pendente do deslinde marítimo- terrestre. 
O Goberno local sinala a necesidade de contar cunhas instalacións que lle permitan ofrecerlles servizo non só ás Escolas Municipais Deportivas, senón tamén a outras entidades e clubs que se dediquen á práctica de actividades náuticas. 
Así mesmo, a aceptación desta doazón non implica custos adicionais de gasto, xa que ao pasar a ser un ben municipal está cuberto polos seguros do concello, tanto de responsabilidade como de danos propios. As obras de reparación e a posta a punto do pantalán ascenden a 21.648,77 euros, e xa hai fixada unha partida orzamentaria para esta actuación. 

Nesta mesma liña, a Xunta de Goberno Local ten previsto aceptar a doazón da biblioteca do Ateneo Republicano que contén fondos doados pola familia Alvajar. A entidade propuxo como destino a biblioteca da Casa Museo Casares Quiroga coa fórmula xurídica que o concello considere máis apropiada, pero sempre coa condición de que non se separen os fondos.
Os fondos inclúen libros de ensaio pertencentes ás ramas de Ciencias Políticas, Socioloxía, Economía e Historia de España con títulos que abordan os séculos XIX e XX españois, así como monografías sobre a República, a Guerra Civil e distintos movementos sociais.
Na sesión de mañá, a Xunta de Goberno Local dará luz verde á prórroga do contrato subscrito coa empresa Ángel Roade SL para a reparación, mantemento e reposicións dos edificios e espazos exteriores nos colexios de educación infantil e primaria, no Colexio de Educación Especial Nosa Señora do Rosario e no Centro Público de Educación e Promoción de Adultos Eduardo Pondal, cunha dotación orzamentaria de 80.222,09 euros para o exercicio 2019, e de 304.843,89 euros para 2020.
Tamén se ampliará por un ano o contrato coa empresa UTE Osventos Innovación en Servizos SL e Axiña Servicios Deportivos SL para a posta en marcha de actividades socioculturais de prevención e cooperación social nos centros cívicos municipais, cun orzamento de 481.766,03 euros.
Por outra banda, a corporación acordará eximir a Fundación Mujeres de pagar as taxas por utilizar a Sala Conecta do Centro de Empresas ACCEDE Papagaio os días 31 de xullo e 2, 7, 9 e 30 de agosto, co fin de realizar accións formativas para mulleres emprendedoras.
No ámbito urbanístico, a Xunta de Goberno Local, atendendo a executar unha sentenza xudicial, aceptará o proxecto de modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no ámbito do plan especial dun terreo en Feáns. O concello deberá modificar a cualificación do terreo de solo urbanizable a solo urbano para destinalo a un espazo libre. 
Por último, acordarase aprobar un estudo de detalle para que a empresa Carnicosa amplíe as súas instalacións no polígono da Grela coa construción dun novo edificio e a ordenación do resto de naves.

A alcaldesa salienta, na recepción  os menores saharauís que participan no programa 'Vacacións en Paz', o carácter acolledor e solidario da Coruña

Inés Rey e a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, recibiron hoxe en María Pita aos 13 nenos saharuís e ás súas familias de acollida



A Coruña, 2 de setembro de 2019.- A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Participación, Yoya Neira, recibiron esta mañá no Salón de Sesións do Pazo de María Pita as e os 13 nenos saharauís que este verán participan en 'Vacacións en Paz'. O Concello colabora coa entidade sen ánimo de lucro para facilitar as viaxes dos nenos saharauís durante o verán dentro do programa que leva máis de 20 anos posibilitando a estancia de menores que viven en campamentos de refuxiados en saharauís en Tindouf, Arxelia.
Na súa intervención, a rexedora manifestou o seu agradecemento público as persoas voluntarias e familias acolledoras, salientando "o traballo fundamental" realizado por Solidariedade Galega para o Pobo Saharauí e "a vontade e xenerosidade" das familias de acollida. Á vez, a alcaldesa lembrou ás e aos menores que teñen as portas abertas da Coruña e amosou o especial cariño e respecto da cidade polo pobo saharauí. “Grazas por seren embaixadores de paz e por ensinarnos tanto, por transmitir valores de igualdade, diversidade e de respecto á diversidade”. 
Xunto á rexedora e á edila de Benestar Social, Igualdade e Participación, tamén estiveron presentes na recepción Maite Isla, presidenta da Asociación de
Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e Mohamed Zerga, delegado Saharauí en
Galicia..
A presidenta da entidade responsable do programa de acollida 'Vacacións en Paz´, Maite Isla, destacou a importancia desta estancia xa que «permite saír dunhas condicións moi duras e afastar do deserto a estes menores durante os dous meses de verán, cando se rexistran temperaturas superiores aos 50 graos nos campos de refuxiados».



No hay comentarios:

Publicar un comentario