Medio Ambiente supervisará todos os parques de cara a
aprobar plans zonais de melloras
A
concelleira Esther Fontán visitou esta mañá o de Bens, no que arranxarán os
camiños e os elementos de información e desfrute para as cativas e cativos
A Concellería de Medio Ambiente comezou hoxe o
programa de visitas aos distintos espazos verdes da cidade para coñecer o
estado de todos eles e darlles solucións ás carencias de maior urxencia. A
concelleira Esther Fontán explica que a supervisión irá seguida de plans zonais
de mellora e recuperación para cada unha das contornas de cara a optimizar o
uso que se fai delas. A edila percorreu esta mañá con persoal técnico o parque
de Bens e o tramo que vai desde o porto do Portiño a Riazor. Na primeira parada,
observaron a falta de sinalética, polo que se ten pensado desde a concellería
instalar espazos con información detallada sobre os distintos recunchos que se
están a pisar, así como varias casetas, que non só dispensarán unha explicación
sobre a biodiversidade que poden atopar as persoas usuarias, senón que tamén
servirán de acubillo en caso de malas condicións meteorolóxicas.
En Bens cambiarán algunhas especies arbóreas,
instalarán máis bancos e, xunto coa Concellería de Infraestruturas, traballarán
en conxunto para colocar algúns elementos máis de ocio infantil, así como mesas
na zona dedicada ás cativas e aos cativos para que as familias poidan merendar
e explotar máis a súa visita ao parque.
Unha última cuestión atenderá o
barco que se sitúa neste perímetro e que está “bastante deteriorado. Buscaremos
orzamentos para reformalo”. Ademais, garantiranlles a accesibilidade dos
camiños ás persoas con algún tipo de discapacidade física.
Por outra parte, no Portiño acondicionarán o
aparcadoiro, de xeito que se diferencien ben as prazas reservadas para os coches e para as caravanas, e estas
serán dotadas dos servizos necesarios. A intención é que estea listo para a
vindeira campaña de primavera-verán, dentro dun proxecto no que se mellorará a
fiestra de pedra ao mar, que “está moi deteriorada, non lle queda nada do verde
inicial e non dispón de bancos. É un dos emblemas da cidade que hai que
recuperar”.
Así mesmo, Fontán sinalou que arranxarán o monumento
aos caídos do Portiño e as rotondas nunha aposta por naturalizar o máximo
posible estes elementos: “Non queremos instalar elementos decorativos, senón
verde”, ao igual que na zona que está fronte ao Muncyt, que non está en bo
estado, segundo a responsable. Nesta mesma semana, examinarán o parque de Santa
Margarida para continuaren polo parque de San Diego e a contorna da Torre.
O Concello e a Deputación
reforzarán a súa colaboración para impulsar proxectos importantes na provincia
A
rexedora Inés Rey realizou esta mañá a súa primeira visita institucional á
entidade provincial e comprometeuse a mellorar as relacións entre as dúas
institución.
A alcaldesa Inés Rey visitou esta mañá a sede da Deputación da Coruña no que
foi o seu primeiro encontro institucional co presidente da entidade provincial,
Valentín González Formoso. A reunión abre unha nova etapa de diálogo e
establece o compromiso de que se reforzará a colaboración entre as dúas
institucións para impulsar proxectos importantes na provincia. Inés Rey
agradeceu a González Formoso o seu recibimento e a súa boa disposición nesta
primeira toma de contacto oficial que é, di, “o símbolo da senda de cooperación
institucional, onde o Concello da Coruña non só ten que cooperar coa
Deputación, senón tamén con todos os
municipios da provincia”.
O Concello, apuntou a alcaldesa, ten que abrirse a unha
nova colaboración institucional “tan necesaria para sacar adiante actuacións
que, ao final, son as que transforman e melloran a vida da cidadanía”.
O presidente da Deputación valorou moi positivamente o
encontro coa rexedora e sinalou que o inicio deste mandato vai “ser a semente
de catro anos de colaboración en ambos os sentidos, entre o Concello coa
provincia e a provincia co Concello, algo que non sempre foi así”. Ademais
manifestou a súa satisfacción polo espírito conciliador co que os dous gobernos
afrontan os próximos anos “é o combustible necesario para que as cousas
funcionen”. Para Formoso, “o feito de ser compañeiros de partido facilita moito o
labor á hora de facer fronte ás situacións complicadas que xurdan durante a
lexislatura”.
Tras a reunión, a alcaldesa, acompañada do presidente
provincial, asinou no Libro de Ouro da institución.


No hay comentarios:
Publicar un comentario