Normalización Lingüística dálle a
benvida ao outono coa celebración do Día do Apego
As
familias con crianzas de 0 a 6 anos poderán desfrutar dunha morea de
actividades o vindeiro 21 de setembro no Centro Ágora.
A Coruña, 11 de setembro de 2019.-
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza o Día do
Apego, que se desenvolverá o vindeiro sábado 21 de setembro, de 10.30 a 13.30 h
e de 16.00 a 19.30 h, no Centro Ágora.
Con el, o Concello da Coruña quérelles agradecer a
todas as familias a súa pertenza ao programa Apego, unha iniciativa de 30
concellos galegos que xa conta co Premio Rosalía de Castro ou o Premio da
Cultura Galega, entre outros, e convidar outras novas a se sumaren a este
proxecto colectivo que procura fomentar e mellorar a transmisión do galego como
lingua inicial, de construír o futuro desde as raíces e a lingua propia.
Todas as actividades neste Día do Apego son gratuítas
e van desde os espazos de entrada libre até os eventos que requiren a
inscrición previa. Para estas últimas, terán preferencia as familias que forman
parte do programa no noso concello; para elas, abrirase o prazo o xoves 12 de
setembro, ás 10.00 h, e o martes 17 abrirase ao público en xeral, se quedaren
prazas.
Programa de
actividades
Pola mañá, ás 10.30 h, abriranse os diferentes
espazos de entrada libre que, durante a xornada, estarán ao dispor das
familias: o espazo de xogo libre Terra (de
10.30 a 13.30 h), o espazo de xogos de mesa
Brazolinda (de 10.30 a 13.30 h e de 16.00 a 18.00 h) e a mostra comentada de
recursos en galego Ali.gal (de 10.30 a
13.30 h e de 16.00 a 18.30 h).
•
Dous pases de “Na casa”, de Caramuxo Teatro, ás
11.15 e ás 12.30 h, unha actividade dirixida a crianzas de 1 a 3 anos e que
terá unha duración aproximada de 45 minutos.
•
Dous pases de “Quen canta Alí?”, de Fabaloba e
Luís Prego, ás 11.15 e ás 12.30 h, unha actividade dirixida a crianzas de 1 a 3
anos e que terá unha duración aproximada de 45 minutos.
•
Tres obradoiros de chapas, con Fabaloba,
dirixidos a crianzas de máis de 4 anos, dous pola mañá: ás 11.15, ás 12.30, e
pola tarde, un ás 16.30 h, cunha duración aproximada de 50 minutos.
•
Na tarde, ás 16.30 h contaremos cunha sesión de
“Fíos do querer”, de Cê Orquestra Pantasma, o seu espectáculo para crianzas de
0 a 3 anos, cunha duración aproximada de 45 minutos.
•
Por último, para lle poñermos o ramo a este Día
do Apego, A Gramola Gominola traeranos as súas “Bravas. O rexurdimento da luz”
ás 18.30 h, cun concerto dirixido a crianzas de máis de 3 anos dunha hora de
duración aproximada.
Na axenda de Normalización Lingüística, pódense
consultar as condicións de cada unha das actividades, así como o xeito de
inscrición nas que así o requiran.

No hay comentarios:
Publicar un comentario