O Concello renova o seu
apoio a Aspace para lles dar máis visibilidade ás persoas con Parálisis Cerebral
A
alcaldesa Inés Rey reuniuse esta mañá co presidente da entidade, Antolín
Rodríguez, para coñecer os proxectos e servizos que lles presta a entidade ás
persoas con parálise cerebral e ás súas familias
A
asociación mostrou a súa disposición para participar no comité de
accesibilidade do Concello
A Coruña, 11 de setembro de 2019.-
A alcaldesa Inés Rey e a concelleira de Benestar Social, Igualdade e
Participación, Yoya Neira. reuníronse esta mañá co presidente de Asociación de
Pais de Persoas con Parálise Cerebral, ASPACE Coruña, Antolín Rodríguez, ao que
lle expresaron a intención do Goberno local de seguir traballando coa entidade
e apoiándoa na organización de eventos que lle dean visibilidade ao
colectivo.
O encontro enmárcase dentro da rolda de contactos que a
alcaldesa mantén con distintas entidades sociosanitarias da cidade para coñecer
de primeira man a situación dos proxectos e servizos que desenvolven.
Na actualidade, o Concello subvenciona, a través dun
convenio, o servizo de respiro familiar, apoio e orientación a coidadoras/es de
persoas con parálise cerebral que a entidade presta. Trátase dunha prestación
pensada para que as e os coidadores habituais de persoas dependentes poidan
gozar dunhas vacacións algunha vez.
Durante a xuntanza, ademais de presentar o traballo e as
actuacións que desenvolve a asociación, o presidente Antolín Rodríguez e a
directora xerente, Sonia Ruiz, mostraron a disposición da asociación ASPACE
Coruña para participar no Comité de accesibilidade do Concello.
Por outra banda, a edil de Benestar Social explicou que o
Concello mantén distintas liñas de colaboración con entidades da cidade que
traballan na integración de persoas con discapacidade intelectual coas que
participa na celebración do Día da Discapacidade que se organiza co lema
“Baixo o mesmo paraugas”.
Ao finalizar o encontro, a alcaldesa e a concelleira
confirmaron que visitarán no mes de outubro as instalacións de Aspace no
concello de Sada que inclúen o Centro de Día, o Centro Residencial e o Centro
Educativo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario