Traductor

domingo, 29 de septiembre de 2019

Orais Marea - Enmenda Modificativo - Moción Porto




O grupo municipal da Marea
Atlántica emenda o modificativo de crédito do goberno para
introducir obras de mellora nos colexios públicos



Apoiaremos o modificativo no pleno deste luns, para resolver por fin os atrasos no pago da Renda Social Municipal que denunciamos en agosto 

O grupo municipal da Marea Atlántica introducirá unha emenda no modificativo de crédito que irá este luns a un Pleno extraordinario, para engadir fondos destinados a obras de mellora nos colexios públicos da Coruña. Deste xeito, propoñemos sumar algo máis de 62.000 euros para arranxar deficiencias na escola infantil municipal Arela e no CEIP San Francisco Xavier, reforzando o compromiso co ensino público que o Concello amosou no anterior mandato. 
É, ademais, un xeito de paliar a falta de financiamento en necesidades básicas que quedaron sen dotación a causa da prórroga dos orzamentos do ano pasado. Pode financiarse con baixas en calquera partida de publicidade, ou en calquera outra que o goberno decida, sempre que non afecte ao gasto social nin ao equilibrio orzamentario.
Como xa anunciamos, o modificativo contará co noso voto favorable, para facer posible, por fin, que rematen os atrasos no pago da Renda Social Municipal e nas axudas de emerxencia. Lamentamos que tivesen que pasar tres meses desde a investidura de Inés Rey e case corenta días desde que denunciamos publicamente os impagos, pero celebramos que por fin o goberno municipal achegue unha solución. 
Hai, como mínimo, 55 familias que tiñan dereito a esta prestación para garantirse unha vida digna, un dereito que se lles estaba a negar. Confiamos en que os fondos consignados (417.000 euros para a Renda Social e 240.000 para as axudas de emerxencia) sexan suficientes para que esta situación non se repita.
Este luns, na Comisión de Benestar Social que se celebra despois do Pleno (ás 14.00h) solicitamos que o goberno dea máis datos sobre as persoas afectadas polos atrasos no pago das prestacións sociais, e sobre as vías que pensa seguir. Procuraremos coñecer, tamén, o estado dos trámites para solucionar o problema, unha vez aprobado o modificativo de crédito.

Medidas de mobilidade sostible

A proposta do goberno municipal inclúe, ademais, o traslado entre capítulos orzamentarios de 1,7 millóns de euros xa previstos que se destinarán a financiar iniciativas de mobilidade sostible impulsadas durante o anterior mandato, algunhas a través dos Orzamentos Participativos e outras mediante os fondos DUSI que A Coruña gañou en xullo de 2017. Fundamentalmente, significarán a implantación da bicicleta eléctrica en Bicicoruña e a mellora e ampliación da súa rede de estacións.  Por suposto, é outro motivo para o noso voto favorable.




A concelleira da Marea Atlántica e voceira do grupo municipal, María García, en virtude do dereito que lle confire o Regulamento Orgánico Municipal do Concello da Coruña, formula a seguinte PREGUNTA, de resposta ORAL, sobre a revisión das liñas de bus.

Pregunta
En que situación se atopa o traballo de revisión das liñas de bus comprometido polo actual goberno municipal?

                                              Pregunta


En que estado de tramitación se atopan os EspazoS Naturais de Interese Local•das Illas de San Pedro e da Torre de Hércules?
Pregunta
Ten pensado o actual goberno municipal continuar cos trámites para a eliminación do copagamento no Servizo de Axuda no Fogar e en que prazos?
 O grupo municipal da Marea Atlántica leva a Pleno unha moción para esgotar todas as vías legais antes de asumir o pago de 1,6 millóns polas obras do Parrote

A iniciativa que se presentará no Pleno Ordinario do 3 de outubro, lembra que existen informes da Intervención e a Asesoría Xurídica que desaconsellan asumir o sobrecusto O grupo municipal da Marea Atlántica presentará no vindeiro Pleno Ordinario, o xoves 3 de outubro, unha moción na que insta ao goberno local a esgotar todas as vías legais antes de asumir o pago extra de 1,6 millóns de euros polas obras de urbanización do Parrote. Este mes coñeceuse unha sentenza contraria aos intereses do Concello, pero contra esa sentenza cabe recurso e así debería actuar o goberno, en defensa do interese xeral.
Como se indica na moción, a obra “deseñada polo goberno do Partido Popular e executada pola APAC” presentaba “irregularidades no procedemento”. No anterior mandato, tanto a Intervención como a Asesoría Xurídica municipais emitiron informes contrarios a que o Concello asumira este pago, a maiores dos máis de 10,5 millóns que xa abonara polos traballos do Parrote e a Mariña. Obras que, ademais, se realizaron no dominio público portuario.
“Os servizos municipais entenderon que a Autoridade Portuaria non acreditara debidamente os gastos adicionais, nin achegara todos os documentos esixidos pola Lei de Subvencións, pois non existían nin certificación de obra, nin xustificante de pago ao contratista, nin factura”, di a moción. Estes informes seguen vixentes, e son abondo para xustificar que continúe o litixio.
Investigación de responsabilidades
No caso de non prosperar o recurso, a moción da Marea Atlántica insta tamén ao goberno municipal “a abrir un proceso de investigación que aclare de que maneira e porqué razóns se avalaron as modificacións de obra e cales foron as persoas responsables desas decisións”.
Finalmente, a moción “insta ao goberno municipal a solicitar ao Ministerio de Fomento, a Portos do Estado e á Autoridade Portuaria da Coruña a cesión dos terreos da Mariña e o Parrote, desafectados no ano 1999 do dominio público Portuario”.


No hay comentarios:

Publicar un comentario