Celemín participa no XV
Congreso
Internacional
Galego-Portugués de
Psicopedagoxía
O concelleiro de Educación destaca
o éxito de participación dunha cita, que se foi internacionalizando co paso dos
anos
A Coruña, 4 de setembro de 2019.- O concelleiro de
Educación, Jesús Celemín, participou este mediodía no XV Congreso Internacional Galego-Portugués de Psicopedagoxía, que
organizan a Universidade do Minho e a da Coruña na facultade de Ciencias da
Educación, unha cita que foi medrando cos anos e que hoxe concentra a
congresistas e público de Galicia e Portugal, pero tamén do resto do Estado e
de países como Brasil, República Dominicana, Colombia, México, Venezuela, Cabo
Verde, Angola e Mozambique.
O edil valorou que a iniciativa reúne estes días a
especialistas dunha e doutra beira do Miño para intercambiar as súas
investigacións e amosar os resultados dos seus proxectos de cara a abordar as
problemáticas educativas desde distintas ópticas e disciplinas.
O Concello comprométese a colaborar e a defender a actividade da
RAG
A
alcaldesa Inés Rey e o presidente da academia, Víctor F. Freixanes, tiveron
esta mañá unha primeira toma de contacto en María Pita
A Coruña, 5 de setembro de 2019.- A alcaldesa
Inés Rey e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes,
reuníronse esta mañá no Concello, no que foi unha primeira toma de contacto de
carácter institucional onde “falamos do papel tan importante que ten a RAG na
defensa de promoción da nosa lingua, pero tamén o vencellada que está coa
cidade”, salientou Rey. Engadiu que o Goberno local asumirá a súa
responsabilidade para colaborar e defender a actividade dunha entidade que
naceu na Coruña en 1906 e que durante moitos anos estivo acollida no mesmo Pazo
de María Pita, tal e como recordou o seu responsable.
A rexedora sinalou que haberá un segundo encontro en
outubro coa súa visita á sede da rúa Tabernas, pero que, en todo caso, a
relación da RAG coa Coruña é histórica. Freixanes apuntou que ten unha
significación grande porque cando a RAG se creou “elixírona non por un casual,
senón porque nese momento a principios do século XX era a cidade da modernidade
e do galeguismo”.
O presidente da academia destacou que atopou na
alcaldesa “unha sensibilidade grande e esperamos concretala en futuros
proxectos”. Pola súa parte, Rey indicou que o galego está na actividade diaria
municipal e nas intervencións públicas “como non podía ser doutra forma”.
Na reunión, Freixanes manifestou a necesidade de
conseguir apoios económicos para o funcionamento dunha institución que debe
“comprometer as cidades de Galicia e as novas xeracións, que se incorporan á
lingua e á cultura e que deberían encontrar a lingua nos servizos, espazos de lecer e ocio, a publicidade,
as empresas, a produción audiovisual, a produción na rede” e depende, segundo
Freixanes, dunha alianza entre as institucións, a iniciativa privada e a política,
“nós temos que seducir e non impoñer” e conectar coas necesidades e a demanda
da xente nova.


No hay comentarios:
Publicar un comentario