Cabanas destaca os 16 anos de concurso Picadillo como reclamo
turístico para a cidade
A
concelleira de Turismo lembrou a implicación da cidadanía no evento
gastronómico máis antigo de Galicia, que terá lugar desde o venres ata o 29 de
setembro e no que participarán 65 establecementos
A concelleira de Turismo, Diana Cabanas, e a
xerente de Turismo, Lanzada Calatayud, presentaron esta mañá en María Pita o
XVI Concurso de Tapas Picadillo, que terá lugar entre os días 13 e 29 de setembro, nas modalidades de tapa
tradicional e tapa creativa con dous premios máis de maridaxe, no que este ano
colaborará a D.O. Rías Baixas, e un cuarto que sairá da votación popular. Serán
en total 65 establecementos os que presentarán un total de 83 propostas, 47 na
categoría tradicional; 36, na creativa; e 21 delas, en maridaxe.
A edila agradeceu a colaboración das escolas de hostalería
San Javier, e as das Pontes e Arteixo, así como á Asociación de Celíacos de
Galicia, e a neta de Manuel María Puga y Parga “Picadillo”, Chau Fernández-Gago
y Puga, de quen toma nome o evento gastronómico máis antigo de Galicia. Cabanas
falou da súa longa tradición e da implicación que esperta entre a cidadanía,
“que degusta e descobre novos locais da Coruña que, a non ser por este reclamo,
non os terían coñecido”.
Por outra parte, lembrou a participación da Coruña os días
16 e 17 na asamblea Saborea España, que este ano se realizará en Tenerife, onde
esperan poñer en valor a gastronomía local e aproveitar as sinerxías e os
proxectos que esta xera. Neste aspecto, a xerente de Turismo falou da intención
de que a cidade teña un papel máis activo na plataforma Turespaña a través do
comité executivo.
Desde a concellería contan que así poderán potenciar
eventos culinarios que cada vez están máis consolidados como este concurso Picadillo, pero tamén o festival Boucatise, de bocatas gourmet que terá
lugar en novembro; as xornadas Lacónicas do Entroido; e o festival Sabores Atlánticos, programado para o
vindeiro verán. Calatayud confirmou que haberá recompensas económicas de 1.000
euros para a mellor tapa tradicional e creativa, e de 500 para as de maridaxe e
a máis popular e remarcou que de todas as delicatessen, un 20% son aptas para
as persoas celíacas.
Nunha primeira fase do certame, o xurado estará conformado
por representantes das escolas de hostalaría con Chau á cabeza que farán un percorrido
polas catro rutas gastronómicas establecidas para probar a totalidade de
propostas, e nunha segunda criba serán cociñeiros de prestixio quenes elixirán
as e os gañadores. Por último, continuarán os obradoiros Pequepinchos, os días 21 e 28 no mercado de
Santo Agostiño, para fomentar o gusto polos fogóns entre as
nenas e nenos. Calatayud explicou que xa está aberta a inscrición na web http://tapaspicadillo.coruna.es.

No hay comentarios:
Publicar un comentario