A Marea Atlántica celebra que o
goberno abra un novo prazo de
subsanación de erros nas bolsas
comedor, tal e como lle propuxemos
Dende a Comisión de Benestar Social, instamos ao goberno
permitir que todas as familias afectadas completen a
documentación e tramitar
xa as bolsas concedidas, para evitar máis demoras
Silvia Cameán: “O goberno recoñeceu hoxe que existiron varios
casos nos que as bolsas foron denegadas por erros imputables á Administración,
agardamos que non se repita”
O grupo municipal da Marea Atlántica celebra que o goberno
municipal reaccione por fin á crise das bolsas comedor e o faga seguindo a
solución que a concelleira Silvia Cameán propuxo onte e trasladou hoxe á
Comisión de Benestar Social. Así, o executivo confirma que abrirá un novo prazo
de cinco días hábiles, ata o 24 de outubro, para a subsanación de erros e que,
ao contrario do que comunicara ata o momento, ese prazo vai servir tamén para
presentar documentación. Porén, é un erro limitalo só a aqueles casos nos que
polo de agora se atoparon erros administrativos. Hai 510 familias —segundo os
datos actualizados polo goberno— ás que se lles denegou a axuda por falta de
documentación, unha cifra inasumible, e todas deberían ter acceso a esta nova
oportunidade.
Silvia Cameán, presidenta da Comisión de Benestar Social,
sinalou hoxe na sesión deste organismo que a situación, xa de por si grave,
empeora porque existen numerosos testemuños de familias que denuncian erros da
Administración: “Falamos persoalmente con varias persoas afectadas, que se
atoparon con que o Concello lles negou a bolsa comedor por non presentar unha
documentación que non lles fora solicitada. E hoxe a concelleira Yoya Neira
recoñeceu que existen como mínimo 60 semellantes, pero non hai forma de garantir
que non aparezan máis. Por iso é un erro limitar a subsanación de erros, e unha
vulneración do principio de igualdade. O goberno debera lembrar que trata con
persoas, non con cifras”.
Unha tramitación máis coidadosa
Ademais de abrir este prazo, “os Servizos Sociais deberán
estar pendentes de acompañar ás familias e revisar axeitadamente as
solicitudes, para que estes erros non se repitan”, sinalou Cameán. Do mesmo
xeito, é necesario atender aos 141 fogares —de novo segundo os datos do
goberno— que teñen débedas coa administración, xa que en moitos casos poderían
solicitar un aprazamento da débeda, cumprindo así o que esixe a Lei de
Subvencións.
Finalmente, Silvia Cameán instou ao goberno municipal a
resolver xa as bolsas comedor concedidas, para que as familias non teñan que
seguir agardando por unha axuda que este ano segue acumulando atrasos, e
lembrou que o ano pasado, coas mesma normativa aplicable, concedéronse 441
bolsas comedor máis e publicáronse as listas definitivas a 21 de setembro.
“Agardamos que o goberno escoite e aplique estas solucións,
como fixo coa apertura dun novo prazo para alegar e presentar documentacións.
Hai centos de familias que teñen dereito á beca comedor, que a precisan para
garantir a alimentación das súas fillas e fillos, e quedaron sen ela por trabas
administrativas. Para garantir a xustiza social, o goberno pode contar sempre
con nós”, concluíu a concelleira.

No hay comentarios:
Publicar un comentario