A veciñanza
reivindica un cambio ambicioso no modelo de mobilidade,
desde a Rede de Barrio do Castrillón
As concelleiras e concelleiros do grupo municipal da
Marea Atlántica mantiveron hoxe un encontro aberto á veciñanza no centro cívico
do Castrillón, a segunda Rede de Barrio que se celebra logo da estrea desta
iniciativa o mes pasado en Palavea. O debate centrouse no necesario cambio do
modelo de mobilidade na Coruña, nos problemas xurdidos nos últimos meses co
traballo dos Servizos Sociais municipais, e nas melloras realizadas no barrio
durante os catro anos do mandato de Xulio Ferreiro.
Así, reclamóuselle ao goberno do PSOE “valentía” para
manter a aposta do anterior mandato pola mobilidade a pé, en bicicleta e en
transporte público, coa humanización das rúas, a ampliación do carril bici e,
sobre todo, aproveitando o traballo para unha das grandes contas que quedaron
pendentes: o cambio nas liñas de bus. Como sinalou o concelleiro Xiao Varela,
“é necesario un cambio profundo, porque a rede de autobuses actual foi deseñada
nos anos 80, cando barrios como Novo Mesorio ou Os Rosais non existían”. Por
iso, “o carril bus é unha boa medida, pero non pode servir de escusa para non
facer as reformas que a cidade precisa”.
A crise das bolsas comedor, que deixou a máis de 400
fogares sen unha axuda da que gozaran o ano pasado, tamén asomou no debate, e
foi respondida por Silvia Cameán: “Preocúpanos o funcionamento dos Servizos Sociais,
que a mediados de outubro aínda non conseguiron dar unha resposta satisfactoria
ao problema das bolsas comedor, e que xa no verán acumularon atrasos no pago da
Renda Social Municipal. E preocúpanos que a primeira resposta do goberno sexa
sempre botarlle a outros as culpas dos seus erros, xa sexan ás familias, as
persoas en risco de exclusión ou o goberno anterior”.
Liñas clave para os Orzamentos 2020
María García explicou que “ao contrario que no
anterior mandato, nós non imos facer unha oposición baseada no bloqueo”, pois
“os nosos votos servirán para empurrar ao goberno do PSOE cara ás políticas
valentes e progresistas”, como proban os primeiros acordos do mandato —grazas
aos que xa botou a andar a creación da Área Metropolitana, por exemplo— e a
negociación dos Orzamentos 2020, que está a producirse nesta semanas. “As nosas
prioridades son a loita contra a desigualdade e a emerxencia climática, a
mobilidade sostible, o feminismo, o dereito á vivenda e o reparto equitativo
nos barrios”, sinalou.
Na mesma liña, Iago Martínez engadiu que, desde unha
postura responsable, “imos facer valer os nosos seis asentos no Pleno para
achegar ideas, proxectos e medidas que beneficien ao conxunto da cidadanía,
porque o PSOE non o está a facer. Percíbese un goberno pouco claro nas súas
prioridades, falto de liderado, e que perde demasiado tempo en desfacer cousas
como a laicidade institucional ou as políticas de participación”.
As persoas que asistiron á Rede de Barrio amosaron
tamén a súa preocupación polo futuro dos Orzamentos Participativos, despois de
que este ano se reducise o prazo de votación a tan só unha semana —en lugar dos
21 días de edicións anteriores—. “Non entendemos por que se está a reducir a
calidade dun programa de democracia directa, que estaba a consolidarse”,
sinalou Claudia Delso, quen lembrou que “o PSOE xa eliminou o Dillo Ti porque,
segundo declararon, prefiren que a participación cidadá sexa nos despachos.
Agardamos que os Orzamentos Participativos non sigan o mesmo
camiño, e para iso é fundamenal que a veciñanza os apoie e reivindique”.
A Marea
Atlántica e o BNG solicitan un Pleno
extraordinario
sobre os Orzamentos da Xunta
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García,
valorou esta mañá o que ofrece para A Coruña o proxecto de Orzamentos da Xunta
para o ano 2020, e concluíu que son “decepcionantes e propagandísticos”. Por
iso, anunciou xunto a Avia Veira, concelleira do BNG, a convocatoria dun Pleno
Extraordinario para os vindeiros días, na procura dun posicionamento
maioritario da Corporación en contra “duns orzamentos que non está a altura da
área metropolitana da Coruña”, que volve ser unha das peor tratadas, tanto en
termos globais coma en investimento por habitante.
Ambos os dous grupos municipais suman máis da cuarta parte
da Corporación que o Regulamento Orgánico Municipal (ROM) esixe para solicitar,
con carácter vinculante, a celebración dun Pleno extraordinario. Esta sesión
deberá celebrarse á maior brevidade, para axustarse aos prazos da tramitación
parlamentaria do orzamento autonómico. Previamente tería que celebrarse tamén
unha xunta de voceiros para elaborar, coas achegas dos distintos grupos municipais
e co maior respaldo posible, a proposta de acordo que se votaría no Pleno.
Como sinalou García, “estas contas son unha batería de
anuncios que xa nos soan coñecidos, como coñecido nos soa o seu incumprimento ano tras ano”. E engadiu que “a campaña electoral de 2020 trae un
aumento dos fondos para A Coruña, despois de catro anos de seca nos que o maior
investimento da Xunta na nosa cidade foi a pasarela de Marineda, aínda sen
rematar, pero a maioría destes fondos chegan de recuperar promesas sen ningunha
credibilidade. Feijóo, na Coruña, non se esmera nin coa propaganda”.
Externalización de responsabilidades
A voceira da Marea Atlántica recalcou que “o maior
investimento na cidade chega de mans dunha entidade privada, a Fundación Amancio
Ortega”, que porá 15 millóns de euros para “construír un centro de día para
maiores nunha parcela cedida polo goberno da Marea Atlántica en Eirís, todo un
exemplo de cero compromiso e externalización de responsabilidades nas políticas
de coidados”.
A cambio, nun momento de grave crise no emprego industrial,
o goberno de Feijóo non concreta a súa aposta para a Cidade das TIC, e leva o
seu investimento a Arteixo, ao polígono de Morás. Benvido sexa, pero bótase en
falta un maior compromiso cun proxecto tan claro e definido como a Cidade das
TIC, unha iniciativa do sector e a Universidade da Coruña que o goberno
municipal da Marea Atlántica apoiou dende o primeiro día.
Propostas incumpridas e reaproiveitadas
Deste xeito, atopamos a proposta de comprar edificios en
ruínas no Orzán e na Cidade Vella para a súa rehabilitación, que xa se
anunciara en setembro de 2016, na anterior campaña electoral de Feijóo, “pero
desde aquela non se moveu un papel en tres anos”.
Outra sorpresa
é o proxecto para 40 vivendas sociais no Ofimático, dotado con dous millóns,
“outro anuncio que fixo en setembro de 2016 e que nos volve facer agora, e que
se chega a materializarse será grazas aos avances no goberno anterior na
urbanización deste novo barrio ”. Mesmo apoia
o proxecto da Marea Atlántica para vivendas sociais en Marqués de Pontejos
cunha cantidade rídicula de 90.000 euros.
O que si se está a materializar, dez anos despois de que se
orzamentase por primeira vez, é o colexio de Novo Mesoiro. Estaba no programa electoral
de Carlos Negreira en 2011, pero foi o goberno da Marea Atlántica o que cedeu o
solo para construílo en novembro de 2016. “A este paso van te que converter o
colexio en instituto, pero agardamos que polo menos lle fagan caso á veciñanza
e doten ao centro dun comedor propio en lugar dun servizo de cátering”, sinalou
García. No eido da educación, volven quedar no aire as prometidas obras para
cubrir os patios e mellorar os comedores dos centros de ensino públicos da
Coruña.
Cheira a coñecido tamén o proxecto do Centro Amizar na
antiga sede de Sanidade, anunciado en 2017 para lanzar a Beatriz Mato como
candidata á alcaldía da Coruña. Segue sen facerse, como non se fixo o proxecto
que anunciara Carlos Negreira xunto a Rocío Mosquera, a malograda conselleira
de Sanidade, para construír no mesmo edificio un novo cuartel para o 092.
A broma de mal gusto da Intermodal
A Intermodal consúmase como a gran
operación de boicot á Coruña por parte de
Núñez Feijóo: “Máis de 7 millóns en Santiago, máis de 8 en
Vigo, máis de 5 en Pontevedra, máis de 3 en Ourense. E na Coruña, 360.000 euros
despois dos 150.000 do ano pasado”, lembrou a concelleira. Non se agardan
avances na estación de autobuses, e tampouco na estación de ferrocarril,
despois do paripé da alcaldesa e o delegado do Goberno ao comezo do mandato. O
único que avanzará a curto prazo serán os accesos, o único que era
responsabilidade do goberno municipal da Marea Atlántica.
A outra gran ausencia é, un ano máis, a recuperación
ambiental da Ría do Burgo, para a que non se reserva nin un
só euro. “A escusa de Feijóo é que Pedro Sánchez non fixo nada. A escusa de
Pedro Sánchez é que está en funcións. E mentres tanto, a contaminación da ría
está cada día peor. Onde está o compromiso ambiental?”, preguntouse María
García.
Polo que respecta á reforma do Hospital da Coruña, a voceira
da Marea Atlántica salientou que “seguimos sen saber se a Xunta quere facer un
novo centro ou ampliar o actual, o único que sabemos é que non se debateu nin
co Concello, nin cos sectores profesionais da sanidade”. Como tampouco se sabe
nada do centro de saúde de Santa Lucía, do que o PP leva catro anos facendo
causa, nin das necesarias melloras da atención primaria.


No hay comentarios:
Publicar un comentario