Traductor

viernes, 25 de octubre de 2019

Informacións da Marea Atlántica

A Marea Atlántica levará á Comisión do Bordo Litoral unha proposta de acordo para volver autorizar o baño no Parrote 
 
A iniciativa realízase a petición de dúas veciñas, que nas últimas semanas recolleron 1.115 sinaturas reclamando que se levante a prohibición de bañarse na zona


O concelleiro Xiao Varela, presidente da Comisión Especial para o Bordo Litoral, convocará o luns este organismo na procura dun acordo para levantar a prohibición de bañarse na enseada do Parrote. A proposta é seguir o modelo da Mariña de Valencia e habilitar unha zona de baño controlado que non afecte ao marisqueo na zona, e respectando os requisitos legais.  

Esta iniciativa realízase a petición de dúas veciñas, que nas últimas semanas recolleron un total de 1.115 sinaturas reclamando que se retire a prohibición de bañarse na zona do Parrote, que se fixo efectiva en xullo deste ano, coa colocación de sinais de advertencia. Varela, como presidente da Comisión, recolleu as sinaturas e fará entrega delas na sesión deste venres, para trasladarlle unha copia á alcadesa e outra ao presidente da Autoridade Portuaria.  
  
A memoria da praia do Parrote 

“Estamos a falar da zona na que se situaba a praia do Parrote, un lugar de baño e goce para toda a veciñanza da Coruña ata que en 1968 foi ocupada polo complexo deportivo da Solana. Por iso, entendemos que a petición ten toda a lexitimidade cidadá, por reivindicar un uso do espazo público”, explicou Xiao Varela. Tamén recolle un dos puntos da moción aprobada no Pleno de setembro por todos os grupos agás Ciudadanos.  

Ademais de lexítima, tamén é viable tecnicamente: ao ser augas non navegables, abondaría con delimitar unha zona de baño libre, tal e como fixo o Porto de Valencia o pasado 11 de xuño. Por iso, a Marea Atlántica procurará o apoio do resto dos grupos para instar ao Concello e a Autoridade Portuaria da Coruña a dar os pasos necesarios para conseguilo.  



María García insta ao goberno municipal a avanzar no novo contrato de Nostián sen buscar escusas: “Os pregos existen e se non están rematados, non é culpa da Marea Atlántica”
 
Tanto na resposta escrita a unha pregunta de Pleno da Marea Atlántica, como nas xuntanzas cos sindicatos e o Consorcio das Mariñas, o goberno asegurou que ou non había documentación ou estaba ‘verde’. É falso. “Ofrecemos a nosa colaboración para resolver dúbidas e avanzar no proceso”, insistiu a voceira da Marea Atlántica


A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, amosou hoxe a existencia dos pregos do novo contrato para a xestión da planta de tratamento de residuos de Nostián, tal e como os deixou o goberno da Marea Atlántica. “Non é certo que non existiran, como afirmou o goberno do PSOE ante os alcaldes do Consorcio das Mariñas e os sindicatos, e como nos trasladou a nós na resposta a unha pregunta escrita do Pleno de setembro”, explicou García, para engadir que “o novo executivo está no seu dereito de revisar e mudar o proxecto no que considere, pero que o diga claramente en lugar de repartir culpas fóra, porque cada vez que lle preguntan contestan algo diferente, un día non atopan os documentos, e outro día están moi avanzados”.
Despois de presentar os pregos na Comisión de Medio Ambiente, celebrada hoxe, a voceira da Marea Atlántica sinalou que “se o goberno local aproveita o traballo feito en lugar de inventar escusas, pode comezar xa a licitación do contrato. Eran coñecedores da situación porque fixemos un traspaso de poderes leal e honesto, ao igual que os sindicatos e o Consorcio das Mariñas sabían perfectamente que estes pregos existen, e que non están ‘verdes’, como declarou a alcaldesa tras reunirse con eles. Existen e se non están rematados non é culpa da Marea Atlántica”. 
“Ofrecemos toda a nosa colaboración para avanzar no novo contrato de Nostián, resolver dúbidas e explicar as nosas decisións, pero o que non imos tolerar é que digan que non fixemos o noso traballo”, afirmou María Garcia. Lembrou que a concesión remata o 31 de decembro.      
Este proxecto inclúe melloras tecnolóxicas da planta de Nostián na xestión dos rexeites, por valor de 42 millóns de euros, que evitarán o problema de acumulación de residuos como se viviu nos últimos meses, e permitirán afondar nun modelo que xa está consolidado. En 2018, a planta mellorou un 26% a recuperación de envases e obtivo por ela uns ingresos de 8 millóns de euros, cifras que medrarán aínda máis co novo contrato. Tamén mellorará a calidade do compost, reducindo a porcentaxe de rexeites. 
Tamén se incorporan aos pregos cláusulas sociais e protexen os postos de traballo, con garantías para o cadro de persoal, que hoxe se atopa en situación de incerteza. 

Desde 2011, o Concello pagaba 3,3 millóns de máis ao ano

Do mesmo xeito, os novos pregos engaden melloras no control e na capacidade de sanción á empresa concesionaria, “para evitar que pasen cousas como os 3,3 millóns de euros de máis que o Concello lle estaba a pagar a Albada desde 2011 de xeito innecesario, tal e como confirma a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que coñecemos hoxe”, argumenta María García .
A documentación que se lle entregou ao novo goberno en xuño e que foi recuperada hoxe por María García inclúe o borrador dos pregos técnicos e administrativos “xa moi avanzados e traballados conxuntamente co Consorcio das Mariñas, con quen se asinou xa un convenio de contratación conxunta”. Tamén están elaborados o anteproxecto técnico para a planta de residuos de Nostián, o informe de análises da estrutura de custos, informe previo de xustificación urbanística, as consultas a organismos competentes, estudo de viabilidade técnica e económica da concesión, informe sobre a recuperación do investimento e o acordo cos axentes sociais para incluír cláusulas sociais e garantir o mantemento do emprego. Todos estes documentos están recollidos no expediente 541/2018/1806. 



A Xunta non sabe cando vai declarar as Illas de San Pedro como espazo natural protexido, tras dous anos sen avances
 
Xan Xove, deputado do Grupo Común da Esquerda, preguntoulle hoxe á conselleira de Medio Ambiente cando “vai facer o seu traballo e “permitir que a cidadanía da Coruña, por medio do seu Concello, protexa estes espazos”



Xan Xove, deputado no Parlamento de Galicia polo Grupo Común da Esquerda e integrante da Coordinadora da Marea Atlántica, preguntoulle hoxe ao goberno da Xunta cando pensa desbloquear a declaración definitiva das Illas de San Pedro como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), que o próximo 17 de novembro fai dous anos enterrada nos caixóns da Consellería de Medio Ambiente. A resposta de Ángeles Vázquez, responsable deste departamento, foi que non sabe cando rematarán un trámite no que o Concello da Coruña fixo e fará todo o traballo. 
“A pregunta é clara, cando permitirá a Xunta que a cidadanía da Coruña, a través das súas institucións, protexa as illas de San Pedro como merece un espazo de tanta riqueza natural?”, sinalou Xove, sen obter unha data clara por parte do goberno galego. 
Lembrou que esta é unha histórica demanda do ambientalismo coruñés, e que as illas, ademais dun pequeno paraíso natural no que habitan varias especies de aves protexidas, é un lugar de memoria, pois “alí foron fusiladas 19 persoas o 3 de marzo de 1937, por tentar fuxir da barbarie golpista do xeneral Franco”. Entre elas estaba o pai do músico Pucho Boedo. 

Unha década perdida porque o PP deixou caducar a solicitude

O deputado lembrou, ademais, que a declaración de ENIL para as Illas de San Pedro solicitouse desde o goberno bipartito PSOE-BNG, pero primeiro a Xunta e logo o executivo de Carlos Negreira deixárona caducar, coa complicidade de Agustín Hernández, primeiro, e Beatriz Mato, despois, como responsables de Medio Ambiente. 

“Por culpa do PP xa perdemos unha década. Vai permitir a Xunta que isto suceda de novo?”, preguntou Xove, e con conseguiu tampouco un compromiso claro de Ángeles Vázquez. A única resposta foi que “hai outros espazos para falar de temas locais”, así ve a Xunta a protección ambiental. 
Xan Xove indagou tamén sobre a outra declaración de ENIL pendente no
Concello da Coruña, a da contorna da Torre de Hércules, presentada en 2018 e perdida tamén no limbo da tramitación autonómica. 
Os da Coruña non son os únicos ENIL que se atopan nesta situación.
Abegondo leva desde 2016 agardando pola protección das ribeiras dos ríos Mero e Barcés, situados dentro dunha Reserva da Biosfera. Carral pediu en 2017 o ENIL para o río Abelleira. E Nigrán ten pendente desde hai cinco anosa declaración pa a contorna de Praia America e Panxón.


A Marea Atlántica lamenta que a Xunta obrigue a pechar o Centro Abeiro e insta ao goberno municipal a manter o proxecto nunha nova ubicación
 
É necesaria unha alternativa para o centro de baixa esixencia, que cada noite evitou que  a 15 persoas durmiran na rúa, que garanta ademais o mantemento do emprego

O grupo municipal da Marea Atlántica lamenta o repentino peche do Centro Abeiro de baixa esixencia e que nin o Concello nin a Xunta de Galicia ofrezan unha alternativa que permita dar continuidade a este servizo, que facilitaba un teito a quince persoas cada noite, e manter os postos de traballo. Se as deficiencias técnicas do inmoble sinaladas pola Administración autonómica non son enteiramente subsanables, como argumenta o goberno municipal, a prioridade debería ser a procura dunha ubicación diferente antes de chegar ao peche do centro, que se produza ademais no peor momento: no inicio da tempada de frío.
O goberno municipal dispón de recursos para a posta en marcha doutro equipamento destas características, tal e como estaba previsto no programa EIDUS Coruña co que a Marea Atlántica acadou 15 millóns de euros de fondos europeos no pasado mandato. Pero é preciso, mentres ese proxecto non se materializa, procurar unha solución rápida e estable para as persoas que empregaban o Centro Abeiro. Urxe que o Concello e a Xunta de Galicia se reúnan e negocien, se é posible, unha moratoria que permita manter aberto o centro actual até que se atope unha alternativa.
En calquera caso, a Marea Atlántica solicitará este mesmo venres acceso ao expediente para coñecer en detalle que xestións se fixeron dende o cambio de goberno para evitar este peche.

Dous anos ofrecendo un teito

O Centro Abeiro botou a andar en 2017, coma unhas solución de baixa esixencia para as persoas sen fogar que non reunían as condicións para aloxarse en entidades coma o Fogar Sor Eusebia ou Padre Rubinos. Durante o seu funcionamento, axudou a ducias de persoa a evitar pasar a noite na rúa, ofrecéndolles un teito, alimentación e atención social. É unha iniciativaque non merecee caer no esquecemento.

No hay comentarios:

Publicar un comentario