Lage Tuñas cualifica de “exiguos” os investimentos previstos nos
orzamentos da Xunta para A Coruña
O portavoz pídelle a Feijóo que pase das palabras aos feitos e
pague a débeda histórica que o Goberno galego ten coa cidade
O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior esíxelle ao
Executivo autonómico que modifique o proxecto orzamentario e concrete nunha
partida os 6,5 millóns para o centro de saúde de
Santa Lucía
A Coruña, 21 de outubro de 2019.-
O voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, cualificou de “exiguos e
tacaños” os investimentos para a cidade recollidos no proxecto orzamentario da
Xunta para 2020 presentado a semana pasada.
Bota en falta “un maior
compromiso do Goberno autonómico coa Coruña en especial despois de que se
recuperase entre ambas as administracións un clima de cooperación e diálogo”, e
lembrou “a débeda histórica da Xunta coa cidade en materia de investimentos”.
Considera insuficiente o gasto previsto e sinala que o Goberno local non vai
deixar de pelexar e defender os intereses da cidade coa “man tendida á Xunta,
máximo diálogo e cooperación, pero reivindicando os compromisos e esixindo con
firmeza o cumprimento destes”. Entende que a cooperación institucional se mide
en “feitos”, e a do Goberno galego “dista moito de ser cumprida de maneira
efectiva”.
Para o edil de Economía e voceiro
municipal, a partida de 365.000 euros para a estación Intermodal resulta
“escasa” e sinala o compromiso de Feijóo de desbloquear un proxecto que ascende
a máis de 26 millóns de euros. Unha cifra que, visto o orzamento, queda “nunha
partida escasa” para 2020. O Goberno local, dentro do marco de cooperación
institucional, xa deu os pasos necesarios para garantir os accesos e os terreos
da Intermodal. Neste senso, Lage tamén apuntou ao investimento de 48,5 millóns
de euros que Adif ten previsto destinar á construción desta infraestrutura. O
voceiro cualifica de “tacaño” o goberno de Alberto Núñez Feijóo á hora de mirar
para A Coruña e ter en conta unha infraestrutura vital para mellorar a
mobilidade e as comunicacións da cidade co resto do Estado español.
“Preocúpannos as declaracións rimbombantes sobre a
Intermodal que quedan en partidas
insuficientes”, reitera.
En canto á falta de investimento
para o centro de saúde de Santa Lucía, Lage pediulle á Xunta que modifique o
proxecto de orzamentos e concrete unha partida de 6,5 millóns para o
ambulatorio. “Non poden deixar este proxecto na caixa desastre das partidas xenéricas
no que caben todos os proxectos que queiran anunciar”, puntualizou.
Máis aínda cando se trata dun
proxecto que a alcaldesa desbloqueou co presidente da Xunta na reunión mantida
entre ambos no pasado mes de xullo. Tamén pide maior concreción no investimento
para a cidade das Tics, que serviría “para disipar as dúbidas que a Xunta
sementou en relación coa súa colaboración no proxecto”. Para o concelleiro, as
partidas xenéricas só serven para facer “política de fogos de artificio”.
Por outra banda, Lage denunciou que a Xunta lle debe ao
Consorcio da Música cinco millóns de euros, “unha débeda que os orzamentos da
Xunta seguen sen saldar”. Ademais, dixo, incumpre sistematicamente desde hai
oito anos o convenio asinado co Goberno local. “A falta de achegas pon en
perigo a viabilidade non só da OSG, senón tamén do Coro, a Orquestra Nova e as
agrupacións infantís”, recalcou.
Por iso, esixe que se pague a débeda no que cualificou de
“discriminación coa cidade”, xa que houbo anos nos que se deixou de aboar
“preto dun millón de euros”.
No ámbito educativo, o edil de
Economía apuntou a falta de investimentos para a reforma integral do CEIP
Curros Enríquez, e para a contratación de profesorado de apoio na diversidade
nos centros educativos coruñeses. O documento presentado tampouco recolle o
gasto para a conservación e mantemento dos centros deportivos da Sardiñeira,
Elviña e da Agra, que se atopan nunha situación “moi deficiente”. E lembrou que
a Xunta leva desde 2016 prometendo unhas reformas que non se levan a cabo.
E, por último, en materia de
mobilidade e infraestruturas, lembrou a importancia da conexión da Vía Ártabra
coa A-6 para evitar que o tráfico pesado teña que entrar na cidade, mentres que
a Xunta mantén o seu proxecto de conexión coa AP-9 o que provoca a situación de
colapso que vive Alfonso Molina.

No hay comentarios:
Publicar un comentario