Centos de persoas gozan dos
deportes urbanos na Street Games Coruña que se celebra no Parrote
O festival reúne a máis de 200 profesionais de
especialidades como o Psicoblock, Skate, Parkour, Highline, Boulder e Slackline
A Coruña, 5 de outubro de 2019.-
Centos de persoas gozaron esta mañá no Parrote do festival Street Games Coruña,
que desde onte celébrase na cidade. O festival atraeu a moitos curiosos e
afeccionados que tiveron a oportunidade de ver exhibicións de ata seis disciplinas
de deporte urbano como son o Psicoblock, Skate, Parkour, Highline, Boulder e o
Slackline. O festival brinda ao público a oportunidade de participar en
disciplinas pouco accesibles. É unha forma de incentivar as e os espectadores
que se senten atraídos polas características de deportes que nacen no asfalto e
que cada vez teñen máis adeptas e adeptos.
Os máis novos gozarán esta tarde
e noite das competicións e exhibicións no muro vertical de 15 metros e sen
corda, que deu cabida ao Psicoblock Master Series by Cabreiroá, no que se dá
cita a élite internacional da escalada en bloque. Os exercicios acompañaranse
de luces, sons e cores con dúas rutas que permitirán que as suban dous
competidores á vez. O programa inclúe música ao vivo, talleres para que todos
os públicos poidan iniciarse nas distintas variantes, exhibicións de
profesionais e competicións ao máis alto nivel.
O deporte e diversión seguirán
mañá coas semifinais e finais de skate e pola tarde coas finais de Boulder e
Parkour Style e a celebración de distintos talleres e concertos.

No hay comentarios:
Publicar un comentario