O Goberno local comeza a negociación coa Marea Atlántica para
elaborar uns orzamentos baseados na reactivación económica, na política social
e na
sustentabilidade
O voceiro do
Goberno local, José Manuel Lage, reuniuse esta mañá coa Marea Atlántica, no que
foi o primeiro encontro de negociacións para os orzamentos do 2020
Na semana que
vén reunirase co BNG, C’s e PP
A Coruña, 9 de
outubro de 2019- O voceiro do Goberno local e concelleiro de Economía,
Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage, valorou na rolda de prensa a
xuntanza desta mañá cos representantes do grupo municipal de Marea
Atlántica como “positiva”, con ela comezaron as negociacións cos grupos políticos
municipais para os orzamentos do ano 2020.
O obxectivo do Goberno local “é que consigamos ter un
orzamento para o 2020 que poida entrar en vigor ao longo do mes de xaneiro e
para iso a tarefa vai ser intensa”, asegurou Lage, quen tamén dixo que
“priorizamos chegar a acordos con Marea e tamén co BNg, pero a man está tendida
ao conxunto de grupos municipais que queiran ser construtivos e cooperativos
para cumprir este reto de dispoñer destes orzamentos en xaneiro”.
O Goberno de Inés Rey, segundo o seu voceiro, quere
acordar “uns orzamentos progresistas e comprometidos coa cidade”, que estean
asentados en tres piares: “na reactivación económica, na política social e no
compromiso ambiental”, detallou José Manuel Lage.
No eixo da política social, o voceiro do Goberno
local explicou que o obxectivo é “facer unha cidade habitable, con recursos
suficientes para atender todas as necesidades da veciñanza, xa que iso é o que
a cidade está a demandar”. Lage tamén aludiu á mellora das bolsas comedor e ao
esforzo “para facer viable a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos, tal
e como nos comprometemos os socialistas no programa de goberno e nos acordos
políticos”.
Tras esta primeira xuntanza con Marea Atlántica, a
semana que vén reuniranse co Bloque Nacionalista Galego e proximamente tamén se
sentarán a falar cos grupos municipais de Ciudadanos e Partido Popular.
“O acordo con compromisos establecidos coa Marea
Atlántica e co BNG teranse en conta nas negociacións”, dixo Lage, “xa que son
as organizacións progresistas coas que temos un marco de negociación estable
para os orzamentos” pero, asegurou, “sempre tendéndolle a man ao resto de
grupos, xa que cremos que os intereses das coruñesas e coruñeses están por riba
de todo”.

No hay comentarios:
Publicar un comentario