Traductor

martes, 1 de octubre de 2019

O BNG RESPALDA O MODIFICATIVO DE CRÉDITO


O BNG RESPALDA O MODIFICATIVO DE CRÉDITO QUE DOTA DE MÁIS FONDOS Á RENDA SOCIAL E ÁS AXUDAS DE EMERXENCIA

Jorquera critica que o goberno anterior non provisionase partidas suficientes nos orzamentos 2018 e que o executivo local actual demorase de máis en tramitar o modificativo
 



A Coruña, a 30 de setembro de 2019. O grupo municipal do BNG votou este luns 30 de setembro a favor do modificativo de crédito que se someteu a debate no pleno do concello da Coruña.

Fíxoo fundamentalmente, explicou o portavoz das nacionalistas, Francisco Jorquera, porque o principal propósito desta modificación das contas do concello para 2018 é incrementar os fondos disponíbeis para sufragar a renda social municipal e as axudas de emerxencia.

Na súa intervención, Jorquera criticou que a dotación para estas partidas nos orzamentos de 2018 -actualmente vixentes ao teren sido prorrogados- resultaba totalmente insuficiente" para "atender ás novas solicitudes ás que lles foi recoñecida o dereito a cobrar estas prestacións".

En 2019, relatou Jorquera, o número de persoas beneficiarias de rendas sociais e axudas de emerxencia viuse aumentado en 243 e 1.442, respectivamente, cifra  á que hai que engadir "as máis de 500 solicitudes formalizadas nas últimas semanas".

O portavoz nacionalista considerou que por unha parte o "anterior goberno municipal" non tivo en conta nas súas previsións este incremento, mais, por outra, criticou "o actual goberno municipal" por non ter sido "máis áxil á hora de resolver esta situación".

Sexa como for, Jorquera puxo o acento en que nos estudos previos realizados antes de se implantar a Renda Social Municipal se estimaba "que sería necesaria unha dotación económica de 3 millóns de euros", isto é, tres veces máis do orzamentado para 2018. "Nos exercicios sucesivos esta partida foise recortando significativamente", denunciou o portavoz nacionalista.

Xa no momento do debate que deu lugar á posta en andamento da renda social, o BNG defendeu a necesidade de elaborar un Plano de Inclusión Social "para ter un coñecimento real da situación e das necesidades" visando "coordenar todos os servizos para loitar de xeito máis eficaz contra situacións de exclusión social".
A aprobación dese Plano de Inclusión Social está contemplada no Acordo de Investidura asinado o pasado 19 de xuño entre BNG e PSOE, pacto que viabilizou a investidura de Inés Rey. "Se se tivese feito aquela diagnose [a incluída no Plano de Inclusión Social], as previsións de gasto terían sido máis realistas" e non tería sido preciso botar man agora dun modificativo de crédito, arguíu Jorquera.

En calquera caso, salientou, agora o que cómpre é "resolver con urxencia esta situación", o que xustifica modificar os orzamentos para atender as novas necesidades en materia de renda social. É ben tamén, xa con vistas ao futuro, "evitar as distorsións que provoca funcionar con orzamentos prorrogados", polo que Jorquera insta o grupo municipal socialista a que cumpra co compromiso alcanzado co BNG e inicie "dende xa" a negociación das novas contas do concello para estas estaren plenamente operativas a 1 de xaneiro de 2020.

Outros apartados do modificativo de crédito

A alteración dos orzamentos non só atinxe a renda social e as axudas de emerxencia. Modifícanse as contas, por un valor global de por volta de 3 millóns de euros, para atender diversas necesidades de gasto do concello, desde o mantemento da rede semafórica até o pagamento de proxectos do servizo de extinción de incendios e salvamento pasando polo crédito extraordinario de 1,6 millóns de euros para BiciCoruña. Jorquera manifestou certas reservas "sobre todas e cada unha das previsións de gasto non necesarias" e tamén botou en falta outras partidas que "non están incluídas neste modificativo e que deberían figurar".

No capítulo de críticas concretas, Jorquera fixo votos por que a baixa de crédito de máis de 400 euros "na Concellaría de Participación, Igualdade e Servizos Sociais, non afecte negativamente o funcionamento dunha concellaría tan sensíbel".

No hay comentarios:

Publicar un comentario