Rey destacou a mellora da mobilidade e da seguridade peonil que
suporá a rotonda de Salgado Torres
A
alcaldesa e o concelleiro Juan Manuel Díaz Villoslada visitaron a obra dunha
glorieta que estará operativa a finais de novembro
A Coruña, 11 de outubro de 2019.- A
alcaldesa Inés Rey e o concelleiro de Urbanismo, Juan Manuel Díaz Villoslada,
visitaron esta mañá a rotonda de Salgado Torres, que se está a executar dentro
dos prazos previstos. A rexedora explicou que houbo un pequeno retraso polas
condicións en que se atopaba o firme, o que supuxo leves cambios nos plans
iniciais, pero que, con todo e iso, o 20 se abrirá ao tráfico un dos lados do
túnel de Salgado Torres: “Calculamos que para finais de novembro ou primeiros
de decembro, a obra estará totalmente terminada e operativa con algúns que
outros flocos que non lles afectarán nin ao tráfico nin á mobilidade”, e que se
acometerán no mes de decembro.
Rey destacou o bo ritmo desta actuación dividida en
fases e “que mellorará a mobilidade dunha zona que ten unha gran densidade de
poboación e actividade comercial e que comunica coa estación de autobuses”.
Engadiu que a reordenación do tráfico lles dará máis seguridade ás peoas e aos
peóns e conectará os tramos de carril bici, que non eran continuos ata o de
agora.
A saída incluíu unha visita á Sala de Pantallas da Policía Local con motivo do inicio da campaña da dobre fila e do mal aparcamento, para saber “como está funcionando o dispositivo a través da sala. Comprobámolo coas e cos axentes na rúa, pero agora queremos coñecer o que se fai desde as tripas”. Rey incidiu en que se están estudando as frecuencias dos varridos que fan as cámaras e que, como se anunciara, estaba fixado en dous minutos e medio.
Para Rey, o tempo é excesivo para comezar porque “non
queriamos colapsar o sistema; empezar sen présa, pero sen pausa, cunha campaña
informativa, que a cidadanía saiba que non se pode estacionar en dobre fila,
nunha parada de bus nin na beirarrúa, prácticas que supoñan un perigo para as
persoas viandantes”. A alcaldesa cre que este tipo de operacións precisan dun
período de concienciación:
“Primeiro é a concienciación, despois o aviso e a
información e por último, a sanción”.

No hay comentarios:
Publicar un comentario