A Fundación Luís Seoane
abre as súas portas ás últimas tendencias en música electrónica de vangarda
O museo coruñés
acolle o próximo día 23 de novembro o 2º Encontro de Síntese Modular da Coruña
A Coruña, 8
de novembro de 2019.-. O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín,
presentou hoxe en María Pita o 2º Encontro de Síntese Modular da Coruña,
Modulartec, que se realizará o próximo 23 de novembro na sede da Fundación Luís
Seoane. O acto contou coa presenza da directora da fundación, Silvia Longueira
e o responsable artístico do evento, Juan de la Colina, quen destacou que, tras
o éxito da primeira edición,
Modulartec consolídase apostando por “novas cuestións
relacionadas coa composición e a creación musical electrónica con
sintetizadores”.
Deste xeito, tal e como sinalou o edil de Cultura, a
música electrónica sairá dos circuítos habituais e a cidadanía coruñesa terá a
oportunidade de escoitar as últimas tendencias en música electrónica de
vangarda. Nesta ocasión, a xornada abordará como “os sintetizadores de antes e
os de agora conformaron e conforman unha linguaxe propia” e, ao mesmo tempo,
servirá para “dar un empuxe a unha música cuxos sons van máis aló do
comercial”, explicou o concelleiro.
Jesús Celemín sinalou que o evento
traerá á cidade músicos internacionais, como o alemán
Jan Jelinek, e figuras locais como Francisco Parga e
Suso Flores que “intercambiarán opinións e reflexionarán sobre o seu traballo”
mentres que as persoas espectadoras gozarán de novos sons nun evento diferente
que sitúa A Coruña nun circuíto internacional de músicos e creadores amantes da
música, xa que se poderá escoitar desde música clásica ata a máis experimental.
Juan de la Colina quixo destacar que a proposta que
presentan “é máis radical e abandona os sons das pistas de baile para abrir un
diálogo máis cosmopolita co público” e lembrou que esta iniciativa que realiza
a súa segunda edición ten xa unha longa tradición na cidade.
Pola súa banda, a directora da fundación, Silvia
Longueira, explicou que Modulartec forma parte da programación da fundación que
busca achegar ao público coruñés todas as músicas contemporáneas. Anunciou
ademais que o museo acollerá en decembro o programa Escoitas, unha aproximación
á musica contemporánea clásica da man de diferentes compositores e artistas. E,
no mes de maio, dentro da semana dos museos realizarase o festival Resis, un
punto de encontro próximo e aberto entre creadores e público, no que converxen
a música e a creación de vangarda.
No hay comentarios:
Publicar un comentario