María García: “Os novos pregos para a xestión da planta de reciclaxe
inclúen cláusulas sociais, que protexen o emprego. É urxente licitalos”
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García,
trasladou hoxe a solidariedade do noso grupo á plantilla de Nostián,
“tristemente habituada a que a empresa Albada utilice os postos de traballo
como chantaxe ao Concello”. Ante o ERTE anunciado pola concesionaria da planta
de reciclaxe, solidarizámonos co cadro de persoal, a quen sempre apoiamos dende
o goberno, e instamos ao goberno municipal a non ceder ás presións “dunha
empresa que só pensa en maximizar beneficios e minimizar custos”.
García lembrou que “o goberno da Marea estivo sempre do lado
do cadro de persoal, para frear despidos e baixadas salariais”. E por iso mesmo
introduciu cláusulas sociais nos novos pregos para a xestión da planta, “que
garanten non só os postos de traballo e as condicións laborais, senón que
impedirán no futuro este tipo de chantaxes”. Non en van estes pregos foron
elaborados cun proceso pioneiro de consulta pública do que formaron parte,
entre outros colectivos, as traballadoras e traballadores de Nostián.
Así, a nosa voceira volveu instar ao goberno municipal a
esgotar todas as vías para garantir o funcionamento da planta de Nostián a
partir do 1 de xaneiro, cando remata o actual contrato, e a comezar xa a
licitación dos novos pregos, que se lles entregaron practicamente listos no
traspaso de poderes. De novo, ofreceu toda a colaboración da Marea Atlántica.
Unha
empresa sempre belixerante
“Albada utiliza diversos medios de
presión e chegou a incumprir sentenzas xudiciais que a obrigan a facerse cargo
dos residuos rexeitados, acumulándoos irresponsablemente como fixo aínda este verán.
Tamén está pendente de selar o vertedoiro colmatado desde 2007”, explicou María
García. Dende 2011, a empresa percibiu case 2 millóns de euros anuais que non
lle correspondían, para facerse cargo dos rexeitamentos. Cando o Concello
deixou de asumir esas facturas tras a sentenza dos xulgados, intensificáronse
os problemas.
Ante esta
situación, reclamou tamén que a Xunta de Galicia “exerza as súas competencias
como autoridade ambiental e garanta que o servizo de Nostián se preste en
condicións legais. Hai máis dun ano que ten pendente sancionar a empresa polo
vertedoiro. A que agarda para pechar os expedientes?"
No hay comentarios:
Publicar un comentario