Un total de 45 restaurantes participan na campaña “Come e leva”,
en que distribuirán
friameiras e bolsas reutilizables para non desperdiciar a comida
sobrante
A concelleira Esther Fontán falou na presentación da iniciativa
de que un dos obxectivos de Medio Ambiente é lograr que a cidadanía separe ben
os residuos alimentarios
A Coruña, 18 de novembro de 2019.-
A concelleira de Medio Ambiente, Esther
Fontán, presentou esta mañá a campaña
“Come e leva”, encadrada na Semana
Europea de Prevención de Residuos”, en que 45 restaurantes
distribuirán entre a súa clientela ata 8.000 friameiras e bolsas reutilizables
para que poidan levar a
comida sobrante para a casa. A edila manifestou que a
iniciativa pretende ser unha chamada de atención á cidadanía sobre a cantidade
de restos que desperdiciamos ao día a nivel particular e colectivo. Os
establecementos terán un distintivo na porta coa imaxe da campaña que está
presente nas redes sociais a través de Facebook e Instagram, onde se pode ver a
listaxe con todos os locais que se apuntaron, así como a súa oferta
hostaleira.
Aínda que implica unha cantidade menor, engadiu, é
igualmente importante que nos fogares se separen de xeito adecuado os residuos
alimentarios domésticos, algo que non se está a facer na cidade, segundo
manifestou a edila, que asegurou que os malos costumes levan a veciñanza a
botar o excedente no colector equivocado:
“Cando temos unha bolsa de salchichas caducadas, o máis
lóxico é que a tiremos en orgánicos, cando ese plástico non é orgánico; no caso
dun iogur, a tendencia é tiralo no inorgánico porque quedamos co compoñente de
fóra”.
A concelleira insistiu en que era o momento de facer un
exercicio de boas prácticas e, por iso, tamén lles proporán aos restaurantes
“que nos dean receitas coas que reelaboremos produtos cociñados do día anterior
e non os desperdiciemos”. O obxectivo de Medio Ambiente pasa por concienciar a
veciñanza sobre a separación de residuos porque “a loita contra o cambio
climático comeza nos caldeiros do lixo” das/os particulares e das grandes
superficies, “onde nos achegaremos nas vindeiras semanas porque a súa
colaboración é imprescindible para non nos atoparmos en Nostián coa situación
de que non se separa adecuadamente e que a planta non pode facer un bo
compost”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario