Traductor

viernes, 20 de marzo de 2020

A Marea Atlántica solicítalle á alcaldesa que actúe para garantir o emprego nos contratos municipais


A Marea Atlántica solicítalle á alcaldesa que actúe para garantir o emprego nos
contratos municipais

A empresa que xestiona o Hotel Atlántico anunciou un ERTE por motivos económicos, o que impide que a plantilla se acolla ás medidas especiais pola crise sanitaria


O grupo municipal da Marea Atlántica solicítalle á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, que actúe para protexer o emprego nos contratos e concesións municipais, nestes momentos de crise derivada da pandemia por coronavirus. Tal e como lle solicitamos o mércores, na batería de medidas que propuxemos para un Plan de Choque Social, é o momento dun decreto ou instrución de Alcaldía que traslade ao ámbito local o previsto no Real Decreto-Lei 8/2020 para impedir a destrución de emprego nos servizos municipais.
É necesario garantir os servizos municipais e, desde as institucións públicas, actuar para manter o emprego estable nestes momentos de crise sanitaria e social, cheos de incerteza. Por iso pedímoslle ao goberno municipal que dea un paso adiante e asegure a non suspensión de contratos que garantan os postos de traballo en condicións laborais dignas e faciliten a adaptación do servizo ás circunstancias actuais de emerxencia.

Un ERTE sen garantías sociais no Hotel Atlántico

Reclamámoslle, ademais, que actúe fronte a Eurostarshotels, que onte anunciou un ERTE no Hotel Atlántico por motivos económicos, o que impide que a plantilla poida acollerse ás medidas especiais pola pandemia, deixándoa desprotexida. O Concello da Coruña ten que mediar coa empresa para que, nesta situación de emerxencia, escolla a fórmula menos lesiva para o persoal. 
Segundo denunciou a representación sindical, Eurostarshotels anunciou onte un ERTE, pero non o fixo alegando forza maior, senón por motivos económicos. Por culpa desta decisión, o persoal non poderá acollerse ás medidas de urxencia aprobadas polo

goberno: cobrarán só o 70% do seu salario e o subsidio de desemprego descontaráselles da súa cotización. Ademais, as persoas que non cheguen ao mínimo cotizado quedarán sen prestación económica. 
É comprensible que, ante o anuncio do peche dos hoteis no prazo dunha semana, a empresa teña que tomar medidas. Pero debe esixírselle que o faga do xeito menos lesivo para o seu cadro de persoal. O Hotel Atlántico é unha propiedade municipal, cedida mediante un contrato que obriga a Eurostarshotels a preservar o emprego e os dereitos laborais. 

Ante esta situación, trasladámoslle todo o noso apoio e colaboración ás traballadoras e traballadores do Hotel Atlántico, e instamos ao Concello da Coruña a mediar para defender os seus intereses e garantir o cumprimento das condicións do arrendamento. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario