Educación e Cultura comeza a empregar nas súas canles sociais o
hashtag #corunaencasa para a
divulgación cultural telemática
A iniciativa impulsada pola
Concellería permitiralle á veciñanza que se atopa confinada nos seus fogares
acceder a contidos culturais e educativos en liña durante este período de
estado de alarma
A Coruña, 20 de marzo de 2020.- O concello, a
través da Concellería de Educación e Cultura, comeza a empregar desde hoxe o
hashtag #corunaencasa nas súas canles sociais (Facebook e Twitter) para
informar a cidadanía de todas as actividades culturais e educativas das que
pode desfrutar sen moverse da casa neste período de confinamento decretado polo
estado de alarma no país por mor do Covid-19.
A iniciativa está dirixida a nenas/os, mocidade e
persoas adultas que dispoñen de internet nos seus fogares. Todas as persoas
interesadas poderán seguir o hashtag #corunaencasa, que se engadirá en todas as
publicacións da conta da Concellería de Educación e Cultura, para saberen día a
día das novas actividades que irán saíndo.
Os coruñeses e coruñesas poderán seguir a
programación das Bibliotecas Municipais, os Museos Científicos, a Orquestra
Sinfónica de Galicia, a Banda Municipal de Música, o Teatro Rosalía Castro, o
Teatro Colón, o Museo Arqueolóxico, as casas museo e exposicións en xeral.
Recomendacións para o colectivo de taxistas durante o Estado de
Alarma
A Concellería de Mobilidade
comunícalles ás asociacións deste transporte público que operan no termo
municipal da Coruña unha serie de instrucións de limpeza e sobre as
características dos servizos que van ofrecer neste período, co fin de garantir
a saúde e seguridade das persoas usuarias
A
Coruña, 20 de marzo de 2020.- Co fin de garantir a saúde e seguridade das persoas
usuarias e das/os profesionais que prestan o servizo do transporte público de
taxi e no ámbito das competencias municipais no que se refire a transporte e a
mobilidade, segundo o artigo 25.2.g) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora
das bases do réxime local, a Concellería de Mobilidade recomenda durante o
período de Estado de Alarma:
1.Segundo a orde do Ministerio publicada onte no BOE
(Boletín Oficial do Estado), os desprazamentos deberán realizarse
individualmente, salvo que se acompañe a persoas con discapacidade, menores,
maiores ou por outra causa xustificada.
2.Todos os vehículos deberán ter colocados carteis
informativos no seu interior, en que se avise da situación de urxencia
sanitaria e declaración do estado de alarma pola pandemia do COVID-19, e nos
que se informe das medidas de prevención ditadas polas autoridades sanitarias.
3.Ademais, tanto as páxinas web como as aplicacións para
teléfonos móbiles das asociacións e empresas do sector deberán incluír todas as
mensaxes oficiais que se refiran a esta situación excepcional.
4.Cómpre extremar a limpeza e desinfección do vehículo,
sobre todo, as zonas e elementos máis comúns ao tacto, como son os tiradores
das portas, cintos de seguridade e os elementos de apertura e de peche, mandos
de control, repousabrazos e asas. Tamén se deberá aumentar a frecuencia da
limpeza e desinfección para que, polo menos, se realice unha vez ao día, con
produtos recomendados polas autoridades sanitarias pola súa maior capacidade de
desinfección. Recoméndase que durante estas tarefas de limpeza se utilicen os
elementos de seguridade que indiquen os produtos empregados e que se eliminen
de forma axeitada os refugallos da limpeza.
5.Respecto da protección persoal, recoméndaselles ás e aos
profesionais do sector do taxi que cumpran coas regras básicas de hixiene
persoal que determinen as autoridades sanitarias, como o lavado regular das mans,
o uso de toallas de papel dun só uso, esbirrar e tusir en panos dos de tirar;
ou no seu defecto, no cóbado, e evitar tocar o nariz, os ollos e a boca.
6.No interior dos vehículos, deberase renovar o aire abrindo
as ventás de forma periódica e evitar empregar os medios de climatización.
Convén pór ao dispor das persoas usuarias toalliñas ou xeles desinfectantes de
uso persoal.
7.Recoméndase utilizar medios electrónicos para o pagamento
e a través de aplicacións móbiles e limitar ao máximo o pago en efectivo, para
minimizar o contacto entre o/a condutor/a e as persoas usuarias.
8.Se as e os profesionais que prestan estes servizos
presentan síntomas compatibles co coronavirus, como son febre, tose seca, dor
de gorxa, dor muscular ou dificultade respiratoria, deberán seguir as pautas
indicadas polas autoridades sanitarias e interromper de xeito automático a
prestación do servizo.
Villoslada recorda que o concello non pode paralizar as obras
públicas nin privadas
O concelleiro de Mobilidade sinalou
que son as empresas as que deciden se continúan ou non cos traballos cumprindo,
en caso afirmativo, coas normas de seguridade e hixiene que o Goberno central
decretou durante o estado de alarma
A Coruña, 20 de marzo de 2020.- O concelleiro de Mobilidade, Juan Manuel Díaz
Villoslada, anunciou esta mañá que non se autorizará ningunha obra pública máis
durante o estado de alarma e que, no caso das que están en marcha, a
Administración local, segundo os artigos 33 e 34 do Real decreto do 14 de marzo,
non ten potestade para as paralizar. A empresa adxudicataria é a que ditamina
se continúa ou non prestando o servizo ata a finalización dos traballos. De
seguir adiante, deberá adoptar as medidas de seguridade e hixiene para poder
executalas, medidas que, por outra parte, deberá comunicarlle ao Goberno local.
Deste xeito, as catro actuacións públicas que están activas nestes momentos
levaranse a cabo segundo o que decidiron as operarias correspondentes: “Desde o
concello podemos recomendarlles cuestións como a xornada continua para evitar
que as/os empregadas/os se xunten á hora de comer”.
Esta norma esténdese tamén ás obras de carácter privado,
sobre as que o concello non ten competencia ningunha, máis que a de corroborar,
a través da Policía Local, que a empresa está cumprindo no referente á
seguridade e hixiene: “De non ser así, redactamos unha acta de sanción que
trasladamos ao Ministerio do Interior”.
Canto aos labores de xardinería, os servizos que se
realizan estes días responden a unha cuestión de saúde pública, xa que o
decreto recolle certos traballos como
“esenciais” para
evitar focos de insalubridade e a proliferación de animais ou residuos que
poden constituír unha ameaza para a cidadanía.
No hay comentarios:
Publicar un comentario