Traductor

sábado, 28 de marzo de 2020

Acordan solicitarlles máis equipos de protección

Os concellos da área metropolitana acordan
solicitarlles máis equipos de
protección ás autoridades
autonómicas e estatais 



Estudarán medidas conxuntas para impulsaren a actividade económica canto se levante o estado de alarma co fin de paliar o impacto da crise
 
A Coruña, 27 de marzo de 2020.- A alcaldesa, Inés Rey, reuniuse esta mañá por videoconferencia cos e coas responsables dos concellos da área metropolitana e mais do Consorcio das Mariñas e Arteixo, -agás co rexedor de Oleiros, Ángel García Seoane, que non puido estar presente- para poñeren en común a situación actual da comarca. As/os representantes de Carral, Cambre, Culleredo, Abegondo, Bergondo, Sada, Betanzos e Arteixo coincidiron en sinalar a necesidade de equipos de protección individuais para o funcionariado e persoas empregadas de concesionarias de servizos públicos básicos. 

Os rexedores e rexedoras coincidiron en sinalar que moitas e moitos dos que conforman estes cadros de persoal non terán suficiente material nestas semanas para se protexer e garantir a súa seguridade e a das/dos demais, polo que o conxunto de alcaldesas e alcaldes lles reclamarán conxuntamente tanto á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) como ás autoridades autonómicas e estatais que lles transfiran equipos de prevención ás súas administracións locais, xa que desde os concellos lles resulta imposible conseguilos. 

Por outra banda, acordaron estudar medidas económicas conxuntas co fin de dinamizaren a actividade industrial e empresarial cando finalice o decreto de alarma, de xeito que favorezan as e os empresarios, Pemes e persoas autónomas que prestan os seus servizos ou xeran produtos en toda a comarca da Coruña. Segundo Rey, estas medidas serán estudadas polos servizos económicos do concello co fin de analizar as que si poden acadar unha maior efectividade se son aplicadas pola totalidade de consistorios. 

Aseguran que haberá que esperar a coñecer o impacto deste parón industrial e empresarial, aínda que non lle cabe dúbida de que haberá perdas moi importantes na nosa economía. Entenden que este tipo de decisións se deben tomar de forma conxunta xa que todas/os residen nunha mesma área metropolitana e o lóxico é que reactiven a actividade económica en bloque.
 
Ademais, as/os rexedores da comarca puxeron sobre a mesa as determinacións que tomaron en cadanseu concello a nivel fiscal, de contratación, seguridade e protección. Entre todas e todos realizaron tamén un balance sobre a resposta dos servizos públicos compartidos entre os distintos municipios como é o caso de Edar Bens, a subministración de auga, o transporte público e a planta de residuos de Nostián. 

Rey, que convocou esta videoconferencia coa bisbarra, agredeceulles aos seus homólogos  as propostas e demandas derivadas desta situación de confinamento con respecto aos servizos consorciados.

No hay comentarios:

Publicar un comentario