Traductor

miércoles, 25 de marzo de 2020

Iniciativa Teatro Colón - Bibliotecas do Concello


O Teatro Colón amosa o talento das coruñesas e coruñeses nas súas canles sociais

A iniciativa xorde co fin de entreter a veciñanza que segue á entidade cultural nas redes sociais e de promover o talento local




A Coruña, 25 de marzo de 2020.- O Teatro Colón impulsa unha iniciativa para as persoas seguidoras das súas canles sociais, co fin de compartir publicamente o talento local e ao mesmo tempo entreter a veciñanza nestas semanas de confinamento a causa do decreto do estado de alarma pola crise do Covid-19.

A metodoloxía para que as persoas usuarias das redes sociais poidan achegar os seus vídeos, co fin de que se suban nas canles sociais do Teatro Colón consiste en etiquetar a devandita entidade nos seus vídeos.

A iniciativa, que comezou hai uns días e xa conta con varios vídeos de música en directo, enmárcase dentro do cancelo #corunaencasa que desde hai días se está a empregar nas diferentes canles sociais do concello e que lle permite á veciñanza que se atopa confinada nos seus fogares acceder a contidos culturais e educativos en liña. 



A Rede de Bibliotecas Municipais traballa na internet para lle ofrecer contidos culturais e información veraz á cidadanía



Os centros soben a diario enlaces de plataformas en que descargar libros ou realizar préstamos de distinto material, así como manteñen en activo os clubs de lectura (abertos para que se apunte de forma virtual a veciñanza que queira), e mais as sesións en familia
 
A Coruña, 25 de marzo de 2020.- A Rede de Bibliotecas Públicas Municipais reúne para estes días de confinamento unha serie de iniciativas na web e a través do seu facebook, twitter e instagram, redes que tamén están dispoñibles para que as persoas usuarias contacten coas e cos profesionais destes centros. Entre as actividades que promoven na internet, está a de informar de xeito fiable e sen ruído sobre a pandemia, para o que acoden a fontes oficiais. Seleccionan a diario plataformas de préstamo e descarga de lecturas, cine en streaming, playlist e podcast co fin de que a cidadanía acceda a contidos culturais de todo tipo. Tamén manteñen a comunicación coas e cos integrantes dos clubs de lectura presenciais. Nesta nova modalidade “virtual”, abren as portas para que entren as veciñas e veciños que así o desexen. 

Por outra banda, continúan coa programación coas familias con sesións diarias de contos. As coruñesas e coruñeses poden estar ao día da oferta cultural que a rede publica a través dos blogs que teñen en activo como Fancomic, Bibliosons, Blog de literatura e Blog de literatura infantil e xuvenil. Neste aspecto, colaboran con artistas e escritoras/es locais para que presenten e falen da súa obra e canalizan as dúbidas que poidan xurdir nesta situación. Ademais, dan a coñecer iniciativas de particulares para frear a curva. Para as e os veciños que non frecuentan as redes, están pensando noutras propostas que as/os entreteñan e coas que poidan ampliar a súa bagaxe cultural. Irán informando sobre elas estes días.


No hay comentarios:

Publicar un comentario