Traductor

viernes, 3 de abril de 2020

A Marea Atlántica solicita a defensa dos postos de traballo do Hotel Atlántico

A Marea Atlántica solicítalle ao goberno municipal que actúe para defender os postos detraballo no Hotel Atlántico



A empresa arrendataria escolleu a fórmula máis lesiva para o cadro de persoal, que non pode acollerse ás medidas do estado de alarma e non ten garantida a súa reincorporación 

Desde a Marea Atlántica, facemos un chamamento ao executivo local do PSOE para que actúe ante a Eurostarshotels - HOTUSA, arrendataria do Hotel Atlántico, para defender o mantemento dos postos de traballo, que se atopan en risco debido á decisión da empresa de presentar un ERTE por motivos económicos, non por causas de forza maior.  
 Iso impide que o cadro de persoal se acolla ás medidas de urxencia aprobadas polo Estado: non está garantida a súa reincorporación ao remate do estado de alarma, cobrarán só o 70% do seu salario e o subsidio de desemprego descontaráselles da súa cotización. Ademais, as persoas que non cheguen ao mínimo cotizado quedarán sen prestación económica.
Ante esta situación, solicitámoslle ao executivo local que interveña e negocie coa empresa para que escolla a fórmula menos lesiva para os traballadores e traballadoras. O arrendamento do hotel, aprobado no mandato da Marea Atlántica, contén cláusulas moi claras sobre o mantemento do emprego, que de non cumprirse rigorosamente permiten a rescisión do contrato. Este tipo de cláusulas, innovadoras na contratación pública, foron unha constante do goberno de Xulio Ferreiro, para dar exemplo na protección laboral desde unha institución pública. 

Mantemento dos contratos municipais  

O goberno municipal xa tomou, tal e como lle pedimos a mediados de marzo, a positiva decisión de manter os contratos e concesións municipais para garantir o emprego. Tamén anunciou que está a presionar a concesionarias como Supera (campos da Torre) e Setex-Aparki (xestión da ORA) para que non apliquen ERTEs e manteñan o emprego íntegro. O mesmo compromiso lles pedimos no caso do Hotel Atlántico.
Finalmente, instamos a Hotusa, empresa que posúe catro hoteis na cidade, a facer o mesmo que outras compañías do sector e ceder habitacións nos seus centros para albergar ao persoal sanitario. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario