Medio Ambiente recorda que os parques non son lugares de lecer
durante o estado de alarma
Unicamente se poden transitar
aqueles que están dentro dun radio máximo de 100 metros e quedan de camiño a
locais de venda de produtos de primeira necesidade ou ben para pasearen as
mascotas co fin de que realicen as súas necesidades fisiolóxicas, no tempo
recomendado
A
Concellería de Medio Ambiente recórdalle á veciñanza que, no período de
confinamento, os parques da cidade, as praias e o paseo marítimo non están
destinados ao lecer nin á práctica de deporte e, moito menos, a seren lugares
de encontro entre persoas coñecidas. Na actualidade, os parques de Santa
Margarida (pola rolda de Nelle), Bens e San Pedro e o Xardín de San Carlos
teñen os seus accesos pechados. Outros como San Diego, Méndez Núñez, Oza, Paseo
das Pontes, Parque Europa etc. permanecen abertos soamente porque, debido ao
seu deseño, non se poden pechar fisicamente, pero iso non significa que estean
permitidos neles os usos comentados anteriormente.
Desde Medio Ambiente, ven con
preocupación como nestes días os corpos e forzas de Seguridade se atoparon con
persoas por estas zonas verdes que, coa desculpa de pasearen as súas mascotas
ou incluso sen ningunha causa xustificada, estaban usando estes puntos para
daren unha volta, realizaren exercicio ou simplemente para quedaren con
amizades.
A concellería insiste en que unicamente as e os coruñeses
que teñan un parque dentro do radio máximo de 100 metros establecido polo
Decreto poden atravesalo para se dirixiren a través del a farmacias,
supermercados, panadarías etc. ou para pasearen os seus cans coa finalidade de
que realicen as súas necesidades fisiolóxicas e só durante o espazo de tempo recomendado.
Róganlle á cidadanía que cumpra as normas establecidas neste estado de alarma porque, se se respectaren, volverase desfrutar antes destes parques.

No hay comentarios:
Publicar un comentario