Traductor

martes, 28 de abril de 2020

O concello tramita máis de 100 licenzas urbanísticas a pesar do estado de alarma

O concello tramita máis de 100 licenzas urbanísticas a pesar do estado de alarma

 

A Xunta de Goberno Local tomará coñecemento do informe da Concellería de Urbanismo que, desde o 5 de marzo ata o 21 de abril, resolveu más de 300 expedientes entre permisos de obras e prórrogas, entre outros. Na sesión extraordinaria de mañá aprobarase tamén a solicitude á Xunta de Galicia para que declare a Cidade Vella e a zona Orzán-Pescaría como Área de Rexeneración Urbana de Interese Autonómico (Área Rexurbe) 

O concello concedeu ata 101 licenzas urbanísticas entre o 5 de marzo e o 21 de abril, e a pesar das dificultades que supón a súa tramitación no estado de alarma decretado pola pandemia sanitaria.  Neste sentido é de destacar o esforzo das empregadas e dos empregados públicos, que nesta situación foron quen de resolver no mesmo período máis de 300 expedientes, en concreto 323, entre os que destacan as 101 licenzas; 126 obras en réxime de comunicado, así como exercicios de actividades e prórrogas.
 
Deste volume de actividade na Concellería de Urbanismo, que supón un importante impacto económico para a cidade, tomará coñecemento mañá a Xunta de Goberno en sesión extraordinaria e urxente. Trátase de actuacións que servirán para dinamizar o tecido produtivo da cidade, reactivarán a economía local e paliarán as consecuencias do parón pola crise do coronavirus.
 
Ademais, a xunta dará licenza para a construción dun edificio de 69 vivendas na Gaiteira, outro de 30 pisos na zona de Náutica, e autorizará a construción de 16 vivendas na rúa Rey Abdullah.

Canto ao ámbito da rehabilitación, a Xunta dará luz verde á reforma do edificio do Banco Pastor, un inmoble histórico situado no centro da cidade. O proxecto, que conta cun orzamento de 4.500.000 euros, está impulsado polo grupo Santander. O prazo para a execución das obras será de 36 meses que se computarán desde o día seguinte ao da notificación da licenza. 

Tamén se lle outorgará á Hijos de Rivera SL a licenza para demoler de xeito parcial o antigo centro comercial Comcor. A parcela onde está situado foi adquirida pola empresa coruñesa para ampliar a súas instalacións. A demolición conta cun orzamento de 470.000 euros. 

Na sesión de mañá tamén se autorizará o levantamento da suspensión dos prazos administrativos de contratación que se paralizaron cando se declarou o estado de alarma pola pandemia. Así, comezará de novo a aprobación de expedientes de contratación, a apertura de novas licitacións e reiniciaranse os trámites de adxudicación que quedaran suspendidos. O obxectivo desta medida, explicou o voceiro do Goberno local, José Manuel Lage, é o de continuar os procesos de contratación da Administración local e pór en marcha as novas tramitacións para reactivar a economía local e dinamizar o tecido social.

 A Xunta de Goberno Local aprobará a proposta da Concellería de Urbanismo na que se lle solicita ao Instituto Galego de Vivenda e Solo que declare Área de Rexeneración Urbana de Interese Autonómico (Area Rexurbe) os seguintes ámbitos: 

Ámbito prioritario 2: Cidade Vella. Delimitado polas rúas Ferrerías, praza das Bárbaras, rúas de Santa María, praza de Santo Domingo e rúa de Santo Domingo, e que inclúe todas as súas rúas interiores e presta unha atención especial ás rúas Sinagoga, Cortadoría e Zapatería.

Ámbito prioritario 2: Eixe Orzán - Panadeiras. Delimitado polas rúas Orzán (desde a praza de Pontevedra) e Panadeiras como eixe principal, as súas rúas paralelas Picos, Mariñas, Vista, Boquete de Santo André e estreita de Santo André, e rúas perpendiculares Rexedor Somoza, praza da Cormelana, Perillana, praza Josep Sallier, Pastoriza, travesía de Mariñas, travesía de Santo André, praza Vista, Alta, Africano, praza do Africano, Pórtico de Santo André, Sol, Ferrador, Cega e Travesía de Cordonería.
A Área Rexurbe está recollida no plan director do concello para revitalizar o centro histórico en todos os ámbitos.
 
Tamén se aprobará a presentación dun recurso contra a resolución adoptada pola Xerencia do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar de aprobación das liquidacións correspondentes ao primeiro semestre do ano 2020 polo confinamento das escolas infantís xestionadas a través do Consorcio

 

Medio Ambiente recorda que as e os propietarios de terreos da rede secundaria de faixas dispoñen de prazo até o 31 de xullo para limpalos


Desde a Xunta ampliaron o prazo, que será exactamente o resultado de sumar os días de confinamento transcorridos até que se publique a resolución de Medio Rural desde o 30 de maio, que era a data habitual para finalizar estas tarefas. En todo caso, as parcelas deberán estar listas antes de que remate xullo

A Concellería de Medio Ambiente recórdalles ás e aos titulares das parcelas incluídas na rede secundaria de faixas de xestión da biomasa do Concello da Coruña, así como ás persoas propietarias dos correspondentes dereitos de aproveitamento, a obriga que teñen de rozar e retirar a biomasa vexetal e de cortar as especies arbóreas que están prohibidas, entre elas, os piñeiros, os eucaliptos e as acacias, antes do 31 de xullo. O prazo para finalizar estas tarefas será o resultado de sumar os días transcorridos de confinamento até a data en que se publique a resolución correspondente desde a Consellería de Medio Rural desde o 30 de maio, que era a data tope habitual. En todo caso, os traballos de limpeza terán que executarse antes de que acabe o mes de xullo.

Desde Medio Ambiente, lembran que esta actividade de prevención e loita contra os incendios forestais entra dentro das que se consideran esenciais neste estado de alarma e ten un innegable interese xeral, polo que, a través do decreto asinado pola concelleira delegada de Medio Ambiente, Esther Fontán, o 21 de abril, declaráronse os procedementos administrativos para tal fin, enmarcados dentro da campaña anual de prevención de incendios.

Están consideradas da rede secundaria de faixas as franxas que están a 50 metros perimetrais de solo urbano e que son de núcleo rural e urbanizable (franxa definida no Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais da Coruña, publicado no BOP nº 60, do 14 de abril) e as que se atopan a esta mesma distancia de edificacións e vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais. Por último, tamén se recollen dentro desta categoría os terreos que se encontran nun perímetro de 50 metros de construcións illadas en solo rústico.

O incumprimento das ditas obrigas implicará a tramitación do procedemento correspondente, segundo o que dispoñen a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia. Neste sentido, a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, asegura que "o ano pasado, o grao de cumprimento destas tarefas foi moi elevado, polo que esperamos que nesta campaña tamén o sexa. Non debemos descoidar estes traballos, posto que a media de incendios é de 13 por ano, cunha media de superficie total queimada de 11 hectáreas de 2008 a 2018".

O Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do Concello da Coruña pode consultarse na web municipal de Medio Ambiente: https://www.coruna.gal/medioambiente/gl/divulgacion-e-educacionambiental/comunicacion/axenda/axenda/aprobacion-do-plan-municipal-de-prevencion-deincendios.


Cultura colaborará coa Real Academia Galega de Belas Artes en accións conxuntas para impulsar o traballo das e dos creadores locais

O presidente da institución, Manuel Quintana Martelo, agradece nun vídeo a preocupación da concellería pola situación das e dos artistas ante a que posiblemente será unha das maiores crises culturais até o momento

O presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, mantivo recentemente contacto telefónico co concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, para lle agradecer as iniciativas de apoio que está tendo o concello co fin de impulsar o traballo das e dos artistas plásticos locais, así como a preocupación que está amosando o equipo municipal polo futuro do sector.

A través dun vídeo https://www.youtube.com/watch?v=1tvfD0_H2cM, gravado dentro do programa da Concellería de Cultura "A nosa Arte en corentena", en que as creadoras e os creadores da cidade falan da súa obra e de como están pasando este período de confinamento, Quintana Martelo abordou a situación do sector en Galicia e na Coruña ante a que posiblemente será unha das maiores crises culturais até o momento.

A Concellería de Cultura ofreceuse a colaborar ao longo das próximas semanas coa Real Academia Galega de Belas Artes na formulación dunha serie de accións para apoiar todas as disciplinas que comprenden o sector cultural da cidade, e que irán en paralelo a outras que está desenvolvendo a institución con outros organismos públicos galegos de cara a minimizar o impacto desta gran crise.


No hay comentarios:

Publicar un comentario