Traductor

viernes, 17 de abril de 2020

Preto de 400 peticións de material didáctico

Benestar Social recibe en tres días preto de 400 peticións de material didáctico e recursos dixitais por parte do alumnado da cidade

 

  

A alcaldesa, Inés Rey, solicita a colaboración da dirección dos centros de ensino da cidade para poder achegarlles estes recursos ás nenas e as nenos que non teñen acceso dixital O Concello habilitou o teléfono 981 184 294 para que as familias poidan realizar as súas solicitudes en materia educativa 

 

O Concello recibiu 380 peticións de axudas de material didáctico e recursos dixitais durante os tres primeiros días do inicio do programa "Ninguén Atrás", organizado polas concellerías de Benestar Social e Educación, e que ten por obxectivo paliar as necesidades educativas do estudantado da cidade con dificultades para poder acceder ao seu material formativo.

A alcaldesa, Inés Rey, asegurou que, para desenvolver este programa con éxito é necesario que o persoal directivo dos centros educativos se implique, polo que lle pide, nun momento excepcional, que colabore co dito programa. "Trátase de garantir a igualdade de oportunidades no acceso á educación. 

Obxectivo que debe ser irrenunciable para todos os poderes públicos. A nosa vontade de axudar, equipar e achegarlles os recursos educativos ás nenas e nenos da cidade en situación de vulnerabilidade é firme. 

Non permitiremos que este alumnado quede atrás pola falta de recursos nos seus fogares e creo que, nesta situación, docentes, familias e nós mesmos, aínda que as competencias en Educación sexan da Xunta  de Galicia, temos que traballar conxuntamente para evitarmos que a fenda dixital sexa aínda máis profunda neste momento", apuntou Rey.  

O Concello habilitou o teléfono 981 184 294 para que as familias poidan realizar as súas solicitudes. 

O persoal técnico do CMIX é o encargado de recoller unha serie de datos para coñecer o curso da/o alumna/o e a súa situación persoal, xa que é necesario acreditar un informe de Servizos Sociais sobre a situación de vulnerabilidade das persoas demandantes.  

En concreto recibiu:

-274 solicitudes de alumnado de educación primaria.

-81 peticións por parte de alumnado da ESO.

-6 de alumnas/os de bacharelato.

-15 de alumnado de formación profesional.

-4 de educación infantil.  

A intención do Goberno local é dotar de material didáctico o alumnado que o necesite e de recursos informáticos as e os escolares máis desfavorecidos que non poden acceder aos seus materias formativos. 

O Concello non pode permitir que nuns momentos tan complicados coma estes as rapazas e os rapaces das familias sen recursos non continúen coa súa educación debido á súa situación socioeconómica.

A través desta campaña, as concellerías de Benestar Social e de Educación, coa colaboración do voluntariado, repartirán o material didáctico entre o alumnado que non dispón de acceso á internet e que até agora non puido desenvolver as súas tarefas ou que as realizou con dificultade. 

Este programa súmase ás iniciativas que o Concello puxo en marcha desde que se declarou o estado de alarma para atender as necesidades da cidadanía que se encontra nunha situación de vulnerabilidade.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario