Inés Rey
debe amosar firmeza ante Feijóo e defender os
intereses
da Coruña
A Intermodal, as mellores nos centros escolares, o compromiso co bordo litoral e coa rexeneración da ría do Burgo... son algunhas das moitas contas pendentes que o goberno galego ten que afrontar.
A Xunta leva catro anos facéndolle oposición á cidade da
Coruña. Isto é o que Inés Rey non pode esquecer este luns, cando manteña a súa
primeira reunión oficial co presidente Alberto Núñez Feijóo. Por iso, animamos
á alcaldesa a non dar un paso atrás e a defender con contundencia os intereses
da Coruña, como sempre fixo Xulio Ferreiro.
Desde 2015, o goberno
galego mantén uns niveis de investimento baixísimos na Coruña. En 2018, o
último exercicio completo, foi de 24,3 euros por habitante, cando a media das
sete cidades é de 142,2 euros por habitante. Hai contas pendentes que Feijóo
acumula desde hai demasiado tempo coa Coruña, promesas repetidas unha e outra
vez e sempre incumpridas. Non deberan quedar fóra desta xuntanza.
Confiamos, igualmente, en que a alcaldesa, negociará e consensuará coa
Marea Atlántica nos vindeiros meses as demandas que o Concello da Coruña terá
que trasladarlle á Xunta para que os seus Orzamentos de 2020 non repitan a
marxinación na que mantiveron a cidade en anos anteriores. Investimento nos centros de ensino
Hai doce anos, en novembro do 2006, a Consellería de
Educación e Ordenación Universitaria e o Concello da Coruña asinaron un
convenio para a construción de patios cubertos en centros de educación infantil
e primaria. Unhas obras necesarias, conducentes a mellorar a calidade dos
equipamentos educativos facilitando un espazo adecuado para o recreo nos días,
moi frecuentes, de choiva. Mentres o Concello da Coruña cumpriu todos os seus
compromisos no pasado mandato, a consellería acumula atrasos nos CEIP Labaca,
Ramón de la Sagra, Curros Enríquez, Manuel Murguía e Zalaeta. O compromiso coa
educación pública ten que amosarse con investimentos reais.
Ademais, e desde hai moitos anos, existen carencias en
materia de accesibilidade nos colexios Emilia Pardo Bazán e Anxo da Garda, e
serias necesidades que deben ser atendidas pola Xunta de Galicia, por ter
competencias en obras de investimento maior e non en simples reparacións de
mantemento. Entres as máis urxentes están os cambios das cubertas dos CEIP San
Pedro de Visma e Curros Enríquez.
Escolas infantís
En decembro de 2018, Alberto Núñez Feijóo comprometeuse ante
Xulio Ferreiro a estudar a delegación das competencias sobre todas as escolas
infantís públicas da Coruña, para que o Concello poida xestionar unha única
rede de centros educativos de 0 a 3 anos.
É necesario que a Xunta dea ese paso para facilitar a
construción das novas escolas infantís que precisa A Coruña, como sinala a
crecente demanda de prazas. E deste xeito todos os centros poderán ser de balde
no curso 2020-2021, como levamos no noso programa electoral e como se
comprometeu o PSOE no pacto que asinamos para o inicio do mandato.
Área Metropolitana
No Pleno do mes de outubro, en virtude dos acordos asinados
polo PSOE e a Marea Atlántica a comezos deste mes, aprobarase en María Pita o
inicio do procedemento para crear a Área Metropolitana da Coruña, un paso que
xa deron todos os demais concellos da contorna. O presidente da Xunta ten que
comprometerse a non bloquear o seguinte paso, a tramitación da Lei de Área
Metropolitana no Parlamento de Galicia. A Xunta colaborou coa creación da Área
Metropolitana de Vigo, polo que sería intolerable que bloquease a da
Coruña.
Conformarse cun consorcio de transporte é insuficiente, pois
a mobilidade non existe nun baleiro, está moi relacionada coa vivenda, os espazos
públicos, o urbanismo, a planificación do territorio e o nivel de renda. Para
que haxa cambios reais, é necesaria unha actuación global que non pode darse
desde unha autoridade única de transporte.
Bordo litoral
É necesario que o goberno galego se comprometa coa
recuperación dos terreos portuarios segundo os consensos acadados nos últimos
anos: titularidade pública do solo e iniciativa pública na súa transformación,
condonación da débeda do porto e mantemento de usos produtivos limpos e
innovadores, espazos abertos e equipamentos públicos, como recollen os
proxectos gañadores co concurso Tecendo Litoral.
A actuación da Xunta de Galicia no caso dos terreos
portuarios da Coruña foi, polo de agora, contrarioa ao interese xeral. En 2017,
Feijóo tentou selar un pacto a porta pechada que blindaba a especulación
inmobiliaria en Oza e deixaba fóra ao Concello da Coruña, nunha actitude
contraria á vontade expresada na mobilización cidadá e a numerosos acordos
anteriores e posteriores en María Pita, no Parlamento de Galicia e no Congreso
dos Deputados. É tempo de que o goberno galego deixe de enredar e se comprometa
co ben común da cidadanía coruñesa.
Intermodal
O da Estación Intermodal é un exemplo ben claro de como a
Xunta estivo a marxinar á cidade da Coruña desde 2015. Mentres se produciron
importantes avances con ADIF, organismo que vén de presentar o seu proxecto
para a terminal ferroviaria da intermodal, o goberno galego non deu un só paso
para facer a parte que lle corresponde na terminal de autobuses. Presentou
proxectos mal redactados, mentiu sobre os prazos para captar fondos europeos,
desviou a Ourense os cartos reservados para A Coruña e inventou toda clase de
escusas para non cumprir. Vai sendo hora dun compromiso real, con prazos reais,
para levar adiante un proxecto básico para a mobilidade metropolitana.
Ampliación do CHUAC
En época pre-electoral, Feijóo anunciou aos catro ventos
obras de mellora no Hospital da Coruña: unha manobra de propaganda que non ten
detrás nin un peso nos Orzamentos da Xunta. Pero a propaganda pode e debe
converterse en realidade. Hai tempo que o CHUAC precisa unha ampliación e unhas
instalacións á altura dos seus profesionais.
Centro de saúde para a zona centro
A zona centro da Coruña leva anos a agardar por un novo
centro de saúde que solucione a saturación no de Federico Tapia. No mandato
anterior, o Concello chegou a ofrecer, de balde, tres parcelas na Falperra e no
Paseo das Pontes, que foron rexeitadas sen motivo pola Xunta. A veciñanza xa
agardou abondo.
Rexeneración da Ría do Burgo
A recuperación ambiental e produtiva da ría do Burgo é unha
das grandes débedas pendentes do Estado e da Xunta de Galicia, non xa coa
Coruña, senón con toda a área metropolitana. O proxecto está parado no
Ministerio de Medio Ambiente, e a Xunta esquece as súas competencias sobre Mar,
Pesca, Marisqueo e Medio Ambiente para contribuír ao avance necesario.

No hay comentarios:
Publicar un comentario