A
concelleira Esther Fontán reuniuse onte á tarde cos donos dos terreos para
buscar unha solución preventiva na zona ao ser os que teñen maior risco en caso
de incendio
A Coruña, 17 de xullo de 2019.- A concelleira de Medio Ambiente,
Esther Fontán, reuniuse cos veciños de
San Pedro de Visma para tratar de buscar unha solución na prevención de
incendios forestais nesta parroquia, priorizada como de alto risco de incendios
pola Xunta, igual que algúns terreos situados en Nostián, Bens, O Portiño e os
que colindan coa costa do monte de San Pedro.
A edil e técnicos da Xunta e do Concello explicáronlles aos
residentes que a Xunta establece esta política de prevención, pero que lle
corresponde ao Goberno local adoptar medidas preventivas nas parcelas de titularidade
municipal e ordenar a execución de obras para conservar e manter o solo nas
faixas secundarias de xestión da biomasa.
A proposta que se lle fai á veciñanza é que se adscriban ao
convenio de colaboración asinado entre a Xunta, o Fegamp (Federación Galega de
Municipios e Provincias) e Seaga, destinado
á xestión da biomasa nas faixas
secundarias. Este programa prioriza
as zonas de alto risco de incendios como as citadas ao estar azoutadas polo vento do Nordés, de forma que cada
hectárea que se desbroce lle sairá aos donos das fincas por 350 euros anuais
–preto de 18 euros o ferrado- e inclúe a retirada da maleza e das especies
arbóreas prohibidas (eucaliptos, piñeiros e acacias, basicamente), un prezo que
está por debaixo do estipulado no mercado.
Os afectados teñen ata o 31 de xullo para adherirse ao
programa. De non limpar as fincas pola súa conta ou acolléndose a este convenio da Xunta, pasarase a unha
fase de execución subsidiaria, que iniciará o Concello a partir de principios
de agosto, sendo a Xunta a que desbrozará eses terreos subsidiariamente, pero a
custo de mercado, pasándoselle aos propietarios e titulares de dereitos de
aproveitamento destes terreos as liquidacións correspondentes.
De facer caso omiso á lei autonómica, aprobada en 2007 para
a prevención e defensa de incendios forestais, a Xunta procederá a sancionar
aos propietarios e titulares de dereitos de aproveitamento con multas que van
desde o 1.000 aos 100.000 euros. O
convenio ten validez ata 2.022, de forma que os donos de terreos que decidiron
limpalos pola súa conta, poderán sumarse ao mesmo nos vindeiros exercicios.
Tampouco están na obriga de permanecer os catro anos os adscritos a el.
Na web municipal e na de Medio Ambiente pódese descargar a
partir de mañá o modelo de contrato para adherirse. No mesmo apartado da
concellaría están xa colgadas todas as referencias catastrais que abarca dito
acordo. Ademais, desde a Concellaría habilitarase un servizo de información na
súa sede da rúa Pedro Ferrer o martes 23, en horario de 09.00 a 13.00 horas,
para os veciños que o necesiten.
No hay comentarios:
Publicar un comentario