Traductor

jueves, 29 de agosto de 2019

Campionato de España de Tríatlon en A Coruña

A cidade volverá acoller o Campionato de
España de Tríatlon o 28 e 29 de setembro

Na cita estarán en xogo os mellores premios nacionais e as últimas prazas para o ProTour FETRI, que terá lugar en Pontevedra no mes de outubro.
 



A Coruña, 29 de agosto de 2019.- A cidade acollerá o 28 e 29 de setembro o
Campionato de España de Tríatlon distancia olímpica, un dos eventos con maior participación e desprazamento de acompañantes no calendario da Federación Española de Tríatlon. A competición terá ademais un dobre valor en 2019, xa que xunto cos títulos nacionais máis prezados estarán en xogo as últimas prazas para o ProTour FETRI, que se realizará en Pontevedra no mes de outubro, con importantes premios económicos e un formato espectacular de carreiras nas que se medirán o maior número de estrelas do tríatlon nacional, tanto feminino como masculino, xamais reunidos nesta proba.

O Parrrote será o escenario da natación e primeira transición para a elite, así como transición de grupos de idade, tal e como o foi en 2018, igual que o Paseo Marítimo polo que discorre o segmento de ciclismo e parte da carreira a pé. No caso das competicións elite, que se disputarán o sábado 28 de setembro, as bicicletas accederán tamén en voltas e segunda transición á praza de María Pita, na que estará situada a meta. A carreira a pé alcanzará tamén polo paseo o Castelo de San Antón.

Para as categorías elite e Sub23, a proba disputarase con dúas voltas de natación de 750 m, 40 quilómetros de ciclismo en oito voltas de cinco quilómetros, e unha carreira a pé final de 10 quilómetros en catro voltas de dous quilómetros e medio cada unha. Para grupos de idade, o circuíto desenvolverase igual en natación e carreira a pé, e con cinco voltas de oito quilómetros. No Campionato de España de Paratríatlon realizarase unha volta de natación de 750 m, catro voltas de ciclismo de cinco quilómetros, e catro voltas de carreira a pé de 1250 m cada unha.

A actividade comezará o 27 coa entrega de dorsais na praza de María Pita, de 18.00 a 20.00 horas, que se seguirán despachando o sábado pola mañá. A proba elite feminina será o sábado ás 16.00 h, e a masculina ás 18.00 h, e serán emitidas en directo por
LaLigaSports. A cerimonia de premios terá lugar ás 20.45 h. O domingo 29 de setembro disputaranse as probas de grupos de idade, a partir das 09.00 h, e Paratríatlon, ás 12.30 h, coa entrega de medallas ás 14.15 h.
A inscrición no Campionato de España de Tríatlon e Paratríatlon da Coruña está aberta ata o domingo 15 de setembro. Para máis información e inscricións: https://bit.ly/2DSPqVB   
A última proba clasificatoria con prazas en xogo é o Tríatlon de Banyoles, o sábado 7 de setembro. As inscricións ao clasificatorio pecharanse o domingo 1 de setembro. Máis información en: https://bit.ly/2KlUTdj  

No hay comentarios:

Publicar un comentario