O concello dá un paso máis na súa
aposta polo deporte inclusivo e as/os atletas con discapacidade funcional,
sensorial e intelectual correrán a carreira C10
A Concellería de Deportes abre mañá o prazo de inscrición para a
carreira popular C10 que dá un paso máis cara ao deporte inclusivo fomentando o
coñecemento e o respecto á diferenza
As inscricións xa se póden realizar online a través da páxina
www.carreirasgalegas.org cunha cota de 5
euros ata o día 22 de setembro, e de 8 euros, ata as 23.59
do 25 de setembro.
A Coruña, 9 de agosto de 2019.-
O concello deu un paso máis na súa aposta polo deporte inclusivo e os/as atletas
con discapacidade sensorial, funcional e intelectual poderán participar na
carreira popular C10 que se realizará o próximo 6 de outubro. Súmanse á categoría xa existente de
atletas en cadeiras de rodas homologadas e, por primeira vez, tamén se lles
aplicarán as mesmas categorías ás carreiras de menores.
A concellería busca potenciar a participación e
contribuír desta maneira á práctica deportiva a todos os niveis, así como
fomentar a sensibilización, o coñecemento e o respecto á diferenza. Desde
Deportes insisten en sinalar que “running non é só correr; o deporte inclusivo
é socialización, integración e motivación”.
Organizada polo concello e a Federación Galega de
Atletismo, a máis soada das carreiras da cidade, percorrerá un circuíto urbano de
10 km practicamente chairo e por asfalto na
súa totalidade. Terá a súa saída na avenida da Habana e a meta estará no Paseo
Marítimo, á altura do Palacio dos Deportes de Riazor.
As inscricións xa se poden realizar en liña a través
da páxina www.carreirasgalegas.org cunha cota de 5 euros ata o día 22 de
setembro, e de 8 euros ata as 23.59 h do 25 de setembro.
As persoas participantes que queiran realizar a súa
inscrición fisicamente poderán facelo ata o 14 de setembro no departamento de
deportes de El Corte Inglés cubrindo unha folla de inscrición e aboando a cota de 5 euros.
Para as categorías de menores a inscrición é gratuíta
e só teñen que cubrir o formulario en liña en El Corte Inglés.
Os dorsais e as camisetas poderanse recoller no
departamento de Deportes de El Corte Inglés de Ramón y Cajal, o venres 4 de
outubro, de 17.00 a 22.00 horas, e o sábado 5 de outubro, de 10.00 a 21.30
horas.
De maneira extraordinaria, facilitarase a recollida
dos dorsais o mesmo día da carreira, o domingo 6 de outubro na Cidade Deportiva
de Riazor, de 8:30 a 9:30 horas.
A organización establece catro
categorías para as/os atletas con discapacidade:
A) Atletas
en cadeiras de rodas que non teñan mecanismos nin engrenaxes que lles axuden a
impulsarse. Tan só está permitido o impulso cos brazos sobre o aro adherido á
roda. Non se permiten as bicicletas de man ou handbike.
B) Discapacidades
funcionais (persoas con discapacidade física, parálise cerebral e lesión cerebral)
C) Discapacidades
sensoriais (persoas con cegueira, xordeira...)
D) Discapacidades
intelectuais
Para máis información
www.coruna.gal/carreiraspopulares
No hay comentarios:
Publicar un comentario