Traductor

martes, 6 de agosto de 2019

Melloras entre o polígono de Pocomaco e a cidade


O Concello estuda melloras na mobilidade entre o polígono de Pocomaco e a cidade




A alcaldesa, Inés Rey, analizará novas actuacións destinadas a mellorar os accesos ao parque empresarial e permitir a entrada do transporte público a todo o polígono.

A Coruña, 6 de agosto de 2019.- A alcaldesa, Inés Rey, asegurou  na reunión que mantivo co presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de Pocomaco, Ricardo Tormo, que o Concello estudará  unha serie de melloras  nas  infraestruturas do parque empresarial para garantir os servizos, e encamiñadas a permitir a entrada do transporte público en todo o polígono; unha circunstancia que  non ocorre na actualidade.

Os representantes da asociación sinalaron que as reformas evitarían o acceso de vehículos privados –o parque recibe a diario unha gran cantidade de tráfico de turismos e tráfico pesado- servirían para mellorar os accesos peonís -falta de beirarrúas- e mesmo farían posible o uso de bicicletas.

A rexedora mostrou a súa conformidade coas demandas da asociación e  “ve lóxico e positivo” acabar cos problemas da mobilidade que existen desde hai anos entre a cidade e o polígono industrial. Nesta liña, Inés Rey falou do compromiso do seu goberno de poñer en marcha accións e medidas que beneficien non só aos traballadores das áreas industriais, senón tamén das persoas que se desprazan aos polígonos.

Durante a reunión mantida en María Pita, a alcaldesa explicoulles aos representantes da asociación de empresarios que o plan de mobilidade que está a elaborar o Concello recollerá de maneira específica as necesidades dos polígonos industriais da cidade. 
Por outra banda, os empresarios tamén solicitaron na reunión que o Concello axilice a  construción dun vial que una a Terceira Rolda con Punta Langosteira.



No hay comentarios:

Publicar un comentario