AVIA VEIRA DEFENDE QUE ANTES DE EXPROPIAR UNHA GRANXA O CONCELLO ESTUDE O RESCATE DO APARCAMENTO DO MATERNO E O ONCOLÓXICO
Antes de expropiar os terreos dunha explotación gandeira e construír un novo párking o concello debería estudar a serio a opción de rescatar o aparcamento do Materno e o Oncolóxico, edificado no seu momento por Emvsa.
Así o considera a concelleira do BNG Avia Veira, para quen “expropiar e facer un novo parking leva aparellado un custo económico para a facenda local. O lóxico é que, antes de o facer, o concello avalíe a hipótese de rescatar un aparcamento, o do Materno e o Oncolóxico, que foi feito con diñeiro público”.
“Non ten xeito que o día en que se realizan mobilizacións contra o cambio climático almorcemos co anuncio de que imos eliminar unha zona verde e produtiva da cidade para pór nela máis cemento e máis coches”, razoa a edil.
Veira demanda tamén que se mellore a conexión por bus cos hospitais coruñeses. “Precisan de máis conexións e de frecuencias que se axusten aos horarios laborais das traballadoras dos centros sanitarios”, alega.
O Grupo Municipal o Bloque Nacionalista Galego (BNG) a
iniciativa do seu portavoz Francisco
Xesús Jorquera Caselas, ao abeiro do regulamento Orgánico Municipal,
presenta a seguinte MOCIÓN sobre o
cárcere provincial
Exposición de motivos
O 2 de maio de 1925
colocouse a primeira pedra do Cárcere Provincial da Coruña nun acto onde se
homenaxeou tamén a Concepción Arenal. Foi nuns terreos de propiedade municipal
que o Concello da Coruña lle cedeu ao Ministerio da Guerra. É un edificio
singular cun alto valor arquitectónico e histórico cuxo deseño radial sobre o
eixo panóptico responde ás teorías disciplinarias de Bentham. Anos antes da
construción do cárcere da Coruña, en 1914, A Coruña acolleu o II Congreso
Penitenciario Español onde a arquitectura das prisións estivera xa no centro do
debate da reforma penitenciaria: un debate no que, por certo, interveu
decisivamente Concepción Arenal cos seus estudos sobre a reinserción.
O edificio do cárcere
está próximo a cumprir os cen anos mais o abandono por parte da Administración
do Estado desde 1999 pon en risco que un dos poucos exemplares en pé da
arquitectura penitenciaria panóptica poida cumprir o século de vida.
Foron moitas as
propostas sobre o seu uso e a súa xestión. É de resaltar a súa apertura por
parte do Goberno Bipartito, logo da autorización do SEIP, como espazo cultural
e de memoria. Logo das eleccións de 2011, o cárcere ficou pechado e non foi até
2018 que se abriu durante uns meses.
O certo é que este
inmóbel singular, que abrangue no seu interior tanta memoria, tanta historia,
non pode seguir no estado de abandono e de deterioro actual. Cómpre actuar
decontado.
Unha das posibilidades
que o Concello da Coruña ten para atallar a situación do inmóbel mentres non se
acada a súa cesión de balde e se dirime o modelo de xestión futura é
solicitarlle á Xunta de Galiza que declare o antigo cárcere Ben de Interese
Cultural (BIC).
A lexislación recolle
que pode solicitar esta declaración calquera persoa, física ou xurídica titular
ou non de interese lexítimo sobre o ben inmóbel e tendo en conta que o cárcere
está no termo municipal da Coruña xa estaría máis que xustificado interese do
noso Concello.
Desde o BNG,
consideramos que o antigo cárcere provincial reúne valores –arquitectónicos e
históricos- que xustifican a súa inclusión no Rexistro de Bens de Interese
Cultural. Pero é que ademais, esta catalogación obrigaría o Estado, actual
propietario do cárcere, a atender á conservación do edificio e a abrir o espazo
ás visitas ao público. A Lei 5/2016, de 4 de maio, de patrimonio cultural de
Galiza obriga ao propietario a investir o necesario para o mantemento e ademais
que estabeleza un réxime de visitas para o público. Polo tanto, quedaría
garantida a conservación do cárcere e a apertura para o coñecemento da veciñanza.
É de salientar, por
último, que existen outros casos no Estado español de declaración de penais
como Bens de Interese Cultural: como foi o antigo cárcere de Oviedo que foi
declarado BIC, na categoría de monumento, en xullo de 2003.
Por todo isto, o Grupo Municipal
do BNG proponlle ao Pleno da Corporación Municipal a adopción dos seguintes
Acordos
Que
o Concello da Coruña lle solicite á Xunta de Galiza a declaración do antigo
cárcere provincial, situado ao carón da Torre de Hércules, como Ben de Interese
Cultural, co obxectivo de que así o Estado se comprometa decontado co seu
mantemento e a súa apertura ao público, evitando un maior deterioro mentres non
se negocia a súa cesión gratuíta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario