Traductor

viernes, 6 de septiembre de 2019

Detivo un home acusado dunha presunta violación

A Policía Local detivo esta madrugada a un home acusado dunha presunta violación



A alcaldesa transmite unha mensaxe de "tolerancia cero coas violencias machistas" e amosou o seu total apoio á afectada e a súa familia. "A detección, prevención e atención integral ás vítimas é unha prioridade deste goberno local", indicou Inés Rey.  

A Coruña, 6 de setembro de 2019.- A Policía Local detivo a un home de 32 anos de idade na avenida da Habana sobre ás 6.00 horas de hoxe acusado presuntamente da violación dunha moza de 21 anos. Segundo o seu informe, a Policía Local tivo coñecemento dos feitos por medio dos amigos e amigas da moza, trasladándose rapidamente á zona da praia de Riazor, onde tomou declaración á muller presuntamente violada e inmediatamente despois detivo ao presunto culpable.  
 Tras prestar declaración o presunto agresor machista foi acusado dun delito sexual e posto a disposición xudicial. A moza, pola súa parte, foi trasladada ao PAC da Casa do Mar para ser avaliada polos profesionais sanitarios. O concello activou os mecanismos fixados para este tipo de delitos e puxo a disposición da vítima a axuda que establece o protocolo en vigor.
     Inés Rey, quixo amosar todo o apoio da cidade á presunta vítima e aos seus achegados e achegadas, poñéndose á súa completa disposición, así como tamén destacou o traballo e a formación que a Policía Local está a desenvolver para poñer fin ás violencias machistas na Coruña. "Estamos a traballar con Seguridade Cidadá e con outras administracións tanto para deter como para previr e ofrecer unha atención integral ás vítimas da violencia machista. A nosa política é de tolerancia cero con este tipo de casos e nesa liña seguimos a traballar, estamos dando pasos adiante pero feitos como este reforzan a nosa idea de que non podemos relaxarnos nin un minuto, polo que reafirmo que esta será unha das prioridades do goberno local. As vítimas teñen unha aliada nas institucións públicas e deben de sabelo para que, entre todos e todas, poñamos fin a ataques como o que, presuntamente, tivo lugar en Riazor, así como a todas as violencias estruturais derivadas do machismo", afirmou.

Nesta liña, Rey avanzou que o Concello está traballando para por a disposición da Policía Local  axudas tecnolóxicas que poidan axudar a evitar este tipo de agresións en zonas especialmente concorridas de ocio e eventos multitudinarios.

O Concello da Coruña lembra que o teléfono 016 está a disposición de todas aquelas mulleres que estean a sufrir maltrato, así como o 092 da Policía Local.

 




No hay comentarios:

Publicar un comentario