María
García: “O goberno de
Inés Rey
pasou cen días con proxectos herdados da Marea Atlántica”
Iago Martínez: “Os tres grandes proxectos do inicio do mandato
sairán do noso acordo co PSOE: gratuidade das escolas infantís,
novo operador enerxético 100% municipal e constitución da Área
Metropolitana”.
A voceira e o vicevoceiro municipal da Marea Atlántica fixeron
balance dos primeiros 100 días de goberno do PSOE da Coruña, salientando a
falta de iniciativa, xestión e liderado
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García,
e o vicevoceiro Iago Martínez, fixeron balance dos 100 primeiros días do
goberno de Inés Rey, que se cumpren neste 23 de setembro. “Foron cen días de
boas palabras, pero de poucas ideas, nos que atopamos e facilitamos un cambio
de talante cara ao diálogo, pero no que os únicos proxectos que estamos a ver
son os que quedaron do mandato anterior”, resumiu María García.
Desmontando o tópico negativo da “herdanza recibida”,
a práctica totalidade das iniciativas que se materializaron desde a toma de
posesión de Inés Rey quedaron resoltas e deseñadas polo equipo de Xulio
Ferreiro. “Desde o dispositivo de limpeza e concienciación no San Xoán, que
logrou reducir as toneladas de lixo nas praias, ata o plan para a Intermodal,
pasando polo Festival Noroeste e todas as obras desenvolvidas nestas semanas”.
Na mesma liña, Iago Martínez sinalou que “os que
serán os grandes proxectos deste inicio de mandato saen do acordo que a Marea
Atlántica e o PSOE asinaron para estes primeiros meses”, e salientou tres
medidas concretas: gratuidade das escolas infantís municipais no curso
2020-2021, creación dun operador enerxético 100% municipal e baseado en
enerxías renovables, e avances na constitución da Área Metropolitana. En
palabras do vicevoceiro: “Nestes tres puntos confiamos en que haberá avances
nos próximos días. Serán o inicio dun mandato que está tardando en botar a
andar”.
Existen outros puntos no acordo,
como os descontos na tarifa do bus para maiores de 65 e menores de 25, a
ampliación do carril bici ou o desenvolvemento dos Bosques da Coruña e o Plan
de Infraestrutura Verde, fundamentais na loita contra o cambio climático.
“Temos confianza en que os compromisos se irán cumprindo, unha confianza que
será fundamental para manter unha maioría de progreso na corporación municipal
da Coruña”, engadiu Iago Martínez
Pouca axilidade na xestión
María García sinalou tamén que “pese as leccións que
o PSOE quería dar desde a oposición, percíbese unha falta de axilidade na
xestión, preocupante sobre todo no que respecta ás persoas máis vulnerables”.
Un exemplo “especialmente grave” son os atrasos no pago da Renda Social
Municipal que, aínda que están en vías de resolverse, “mantén a un mínimo de 55
fogares agardando durante semanas por unha axuda á que teñen dereito, a pesar
de que nós advertíramos dos riscos durante o traspaso de poderes”.
“Cando o goberno municipal leve a Pleno o
modificativo de crédito necesario para dotar de fondos á Renda Social e ás
axudas de emerxencia, garantiremos a solución cos nosos votos, como xa
anunciaramos”, confirmou a voceira. “Unha oposición baseada no bloqueo e o
partidismo, como a que vivimos no anterior mandato, ao final pásalle factura á
cidade, polo que nós nunca nos situaremos nesa posición”. Un exemplo foi o
bloqueo dos Orzamentos 2019, que non só deixou sen fondos ás axudas sociais,
senón que fixo que A Coruña perdera 20 millóns en investimentos.
Ademais, a voceira da Marea Atlántica incidiu en que
se están a ver unha serie de xestos “que poden indicar perda de orientación en
temas tan importantes como a laicidade institucional, co goberno acudindo a
actos relixiosos, o benestar social, ou a loita contra o cambio climático,
convertendo o Obelisco nun anuncio de coches na Semana da Mobilidade”.
Finalmente, García sinalou que
“vemos unha certa descordinación entre as áreas de goberno, e unha falta de
liderado que se traduce en debates sobre quen debe xestionar materias tan
importantes como as escolas infantís ou o Festival Noroeste, con recados a
través da prensa. É preocupante e agardamos que estes puntos de fricción se
resolvan pronto”.

No hay comentarios:
Publicar un comentario