A Corporación Municipal garda un
minuto de silencio en María Pita polo triplo asasinato machista de Valga
A edila de Igualdade, Yoya Neira, explicou que “nos vindeiros
anos para o Goberno local será prioritario realizar campañas atractivas sobre
concienciación e educación dirixidas á mocidade”
A Coruña, 17
de setembro de 2019.- Representantes de todos os partidos da Corporación
Municipal congregáronse ás 12.00 horas na praza de María Pita nun minuto de
silencio en repulsa da violencia machista polo triplo asasinato de tres
mulleres cometido onte en Valga, Pontevedra.
Juan Ignacio Borrego, primeiro tenente de alcaldesa,
cualificou o que sucedeu onte no concello pontevedrés de “machismo exacerbado”
e asegurou que hoxe “todos e todas falamos co silencio pero a este acto
seguiremos engadíndolle medidas para acabar coas diversas formas de violencia
que sofren as mulleres”.
A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Yoya
Neira, enmarcou este crime “nunha xeira de violencia que non remata”. A
realidade, dixo, “é que desgraciadamente o terrorismo machista continúa e as administracións
temos que ampliar as reflexións sobre o noso papel, sobre onde estamos
acertando e onde estamos fallando, para previr este tipo de inxustizas”. Neira
tamém lembrou que "no mesmo período que o ano pasado, xa hai máis mortas e
ademais a violencia esténdese a vítimas como as fillas e os fillos, polo que
temos que seguir traballando e buscando solucións interdisciplinares”
Canto ás políticas de igualdade do Goberno local,
Neira explicou que “temos moitas liñas de actuación en marcha e afondaremos
nelas coas melloras necesarias, dentro das competencias con que contamos.
Continuaremos cos protocolos de protección da Policía Local, onde catro de cada
dez detencións xa están relacionadas coas violencias machistas e, a maiores,
dáremoslles un pulo ás campañas de concienciación e de educación en sectores
maiormente xuvenís, como as escolas de empoderamento para mulleres de todas as
idades”.
A edila destacou que “nos vindeiros catro anos para
nós vai ser prioritario conseguirmos que esas campañas resulten atractivas para
a poboación máis nova, que moitas veces se separa de charlas que os centros
educativos non sempre acollen na súa totalidade” e pediu “colaboración á
Inspección Educativa e á Consellería de Educación para desempeñar un labor
conxunto co que este tipo de iniciativas sigan calando na xuventude”.
O Concello da Coruña lembra que ante calquera
indicio de violencia machista pode acudirse ao teléfono 016, así como ao 092 da
Policía Local.

No hay comentarios:
Publicar un comentario