O Teatro Colón mantén os
seus eixes temáticos e faille unha chiscadela á ópera na programación para o
último trimestre
A
directora do Teatro, Bettina Kohlas, anunciou que durante os últimos 18 meses o
teatro acolleu 217 títulos e 66.293 persoas espectadoras
O Concello presentou esta mañá no Teatro Colón a súa
programación para os meses de outubro, novembro e decembro, que comezará o
próximo día 2 co concerto do músico John Mayall, mestre do blues e figura clave
na música contemporánea, e pecharase o 27 de decembro coa actuación da Coral
Polifónica El Eco. O acto contou coa presenza do concelleiro de Cultura, Jesús
Celemín , o deputado de Cultura, Políticas de Igualdade de Xénero e
Normalización Lingüística, Xosé Xurxo Couto Rodríguez, e a directora do Teatro
Colón, Bettina Kohlass.
Tanto o responsable municipal como o do Goberno
provincial encomiaron o clima de diálogo e colaboración entre ambas as
institucións, que permite ofrecerlle á cidadanía unha programación variada. O
responsable da Deputación, organismo titular del edificio, mostrou a súa
“satisfacción polo labor realizado no ano e medio que leva o concello
xestionando o teatro”. Neste sentido, ambos os responsables coincidiron en
afirmaren que “ata decembro non toca falar de convenios”.
Como lembrou Bettina Kohlass, o novo Teatro Colón nace
do encontro de dúas administracións públicas e “iso define significativamente
esta nova etapa”, xa que o teatro, dixo, enmárcase na rede de infraestruturas
culturais do IMCE, e iso implica un posicionamento dentro da oferta cultural
existente para poder organizar unha programación variada e recoñecible por
espazos.
A directora tamén sinalou a colaboración entre as dúas
administracións como “un exemplo para seguir, unha colaboración de primeiro
nivel totalmente enriquecedora para todas e todos”.
Durante a presentación da nova programación, Bettina
Kohlass sinalou que “esta nova tempada que empeza en outubro vén “marcada polas
liñas desenvoltas desde o ano pasado que pasan por apostas estratéxicas de
programación moi definidas en eixes temáticos”.
A nosa intención, remarcou a directora, é chegarmos a
un público moi variado intentando fidelizar o xa existente e captar novos
públicos con propostas vangardistas en que estea moi presente a cultura galega.
Seguindo os eixes temáticos xa establecidos e
mantendo a filosofía do Festival Noroeste, o ciclo Noroeste ofrecerá concertos
vinculados co festival. Neste último trimestre, o Teatro Colón acollerá os
concertos de John Mayall o 2 de outubro, o de
Coque Malla presentando o seu novo disco “Revolución” o
próximo 22 de novembro, e o recital de León Benavente o 19 de decembro. O
Teatro, sinalou a responsable de programación, quere ser referente de estreas e
de apostas de vangarda.
O Colón seguirá apostando polos monólogos e o Encontro
Mundial do Humor, con “Noites de Retranca” o 5 de outubro, un trío que se reúne
por primeira vez nos escenarios coruñeses; Goyo Jiménez, o 8 e 9 de novembro, e
o humor irreverente de Miguel Lago que pisará o escenario o 10 de outubro.
Canto a ciclos musicais concretos, este trimestre a
programación faralle unha chiscadela á ópera. Tras o éxito da estrea de Don
Giovanni baixo a dirección do cineasta Carlos Saura, o Teatro acollerá dúas
producións galegas que a directora cualificou de “dous bombazos”. Trátase da
ópera para todos os públicos “O papagaio de Carlos V”, con música de Nani
García e escenografía e vestiario de Miguelanxo Prado, que se poderá gozar os
días 5 e 6 de decembro, e “Amnesia de Clio”, unha ópera de Voadora, primeira
función galega de gran formato coa Real Filharmonía de Galicia e o Orfeón Terra
Nosa.
Co obxectivo de impulsar a creación artística no seu
conxunto e, de xeito especial, a creación galega, a programación, sinalou
Bettina Kohlass, inclúe tamén a estrea de discos, obras de teatro e producións
artísticas variadas. “Presentaremos o novo disco de César de Centi, que celebra
a súa maioría de idade sobre os escenarios”, apuntou.
Nelson Quintero actuará o 8 de decembro, e o día 13 de
decembro o público coruñés terá a oportunidade de escoitar o novo disco de
Guadi Galego, “Inmersión”, no que reflexiona sobre o seu traballo.
Canto ao ciclo de Cinema
Experience, a responsable do Teatro Colón adiantou que a súa intención é
seguir albergando propostas experimentais no campo do audiovisual con estreas,
ciclos temáticos ou clásicos. É o caso da celebración da Semana das Músicas no
Audiovisual, SEMUA, que seguirá nos próximos meses coas iniciativas da OSG e a
Banda Municipal.
No ámbito do
teatro comercial, as propostas, dixo, buscan complementar a programación do
Teatro Rosalía. Así terá lugar a estrea o próximo día 25 de outubro da
adaptación da obra “Fariña”, e a representación de “Perfectos descoñecidos” de
Daniel Guzmán o 16 de novembro, mentres que o Bruxo visitará a cidade o próximo
4 de outubro.
O ciclo Espazo
da Biodiversidade incorpora distintos concertos e o apartado de Especiais e
Aniversarios recolle o tradicional concerto de Nadal da orquestra Gaos e o
concerto de Reis coa canteira da OSG, “o que representa un xesto ao futuro da
música clásica na cidade”, indicou a directora.
Bettina Kohlaas sinalou que En familia é un apartado que acadou un grande éxito con
espectáculos de maxia e circo e que agora se apostará polo rock para achegar
artistas míticos a toda a familia. Comezará o ciclo con Bon Jovi e Metallica.
Trátase, explicou, de tributos a distintos cantantes. Un formato de carácter
didáctico que lles permite interactuar ás nenas e aos
nenos mentres observan diapositivas e un narrador lles descobre a vida e obra
dos artistas.
A responsable tamén fixo fincapé na programación que
presenta a Deputación, titular do edificio, na súa aposta pola cultura galega e
a innovación con proxectos singulares como a “Cantata” e a ópera “Amnesia de
Clio”, en que colaboran de maneira conxunta.
Para máis información sobre a nova programación pode
visitarse a web www.teatrocolon.es
Inés Rey defende a marca atlántica e a gastronomía sustentable
no foro de Saborea España que se celebra en Tenerife
A
Coruña formará parte da comisión executiva da plataforma de turismo
gastronómico e acollerá a súa próxima asemblea xeral
Inés Rey fixo esta mañá desde Tenerife, onde participou nun encontro da
Asociación de Destinos de Saborea España, unha defensa da marca atlántica e da
gastronomía sustentable e responsable, así como dos restauradores locais que
apostan polo produto local, desde a cociña tradicional á de vangarda.
A alcaldesa mostrou a súa satisfacción porque A Coruña
estea presente de forma máis activa nesta plataforma de turismo gastronómico,
xa que os seus obxectivos coinciden plenamente cunha das prioridades da
política turística do Goberno local que é a de posicionar a cidade “como
destino gastronómico de primeira orde e seguir avanzando na consolidación da
gastronomía como un dos principais reclamos turísticos da cidade”
A rexedora anunciou que A Coruña entrou a formar parte da
comisión executiva da plataforma de turismo gastronómico Saborea España, e acollerá
o próximo ano a asemblea xeral da entidade. Inés Rey, acompañada da concelleira
de Turismo e Comercio, Diana Cabanas, a xerente do Consorcio de Turismo,
Lanzada Calatayud; e a técnica de Turismo, Susana Fernández, participou en
Tenerife nun encontro da Asociación de Destinos de Saborea España na que se
renovaron os cargos directivos.
Saborea España é unha asociación propiciada en 2009 pola
Secretaría de Estado de Turismo do Goberno de España. Trátase da primeira
plataforma nacional con vocación internacional para potenciar o turismo e a
gastronomía. Todos os axentes implicados en Saborea España traballan por uns
obxectivos comúns, entre os que sobresaen o converter produtos turísticos en
experiencias gastronómicas; ampliar o concepto de turismo gastronómico e
traballar o concepto cultura gastronómica española sustentable, auténtica, vinculándoa
ao territorio e á posta en valor do produto local.
Desde o Consorcio sinalan que o traballo que vén realizando
a plataforma nacional de impulso e desenvolvemento gastronómico, Saborea
España, foi fundamental para que o noso país fose escalando postos na
clasificación de turismo gastronómico mundial, converténdose xa nunha realidade
como destino de gastronomía e nunha auténtica potencia no sector.


No hay comentarios:
Publicar un comentario