Traductor

jueves, 12 de septiembre de 2019

Mociones de Marea en el Pleno coruñés

MOCIÓN EN DEFENSA DE APOIO Á CAMPAÑA #EmerxenciaFeminista PROMOVIDA POLAS ORGANIZACIÓNS DE MULLERES CON MOTIVO DA ACCIÓN PREVISTA PARA O 20 DE SETEMBRO DE 2019, EN TODO O PAÍS. 

  EXPOSICIÓN DE MOTIVOS 
O verán de 2019, será recordado como un verán negro. Os telexornais  énchense de asasinatos machistas, os seus titulares din que aparecemos mortas, non señores, estannos asasinando. O pasado mes de xullo, cada dous días, unha muller foi asasinada.
Isto xa non é unha alerta, declaramos a emerxencia feminista. Pais que asasinan aos seu fillos e fillas para causar o maior dos sufrimentos. Pederastia, trata, desaparicións, asasinatos, chantaxes, extorsión, ameazas, acoso, agresións, abusos, manadas, violacións están á orde do día. Unha xustiza que non é xusta, poñendo en dúbida a declaración das vítimas. Sentenzas sen sentido que nos mandan a mensaxe alta e clara de que “o teu corpo non te pertence, a túa vida non te pertence”.
E seguimos, seguimos como si se puidese continuar. Seguimos porque están acostumados á nosa xustiza, están acostumados á violencia, están acostumados a tratarnos coma cidadáns de segunda, acostumados aos nosos corpos sen vida. Para vos “estas cousas pasan e pasaron sempre”. Seguimos neste estado de guerra inadmisible nun estado democrático.
Non hai tempo, paremos o mundo, non se pode seguir normalizando esta situación, non se pode seguir condenando ás mulleres a convivir co terrorismo machista. Un terror que se mete en cada recuncho do noso día a día, coa dúbida constante de quen será a seguinte.
Fáltannos as máis de mil mulleres asasinadas dende o 2003, fáltannos todas as que non foron contadas, todas as que xa non están. So no mes de xullo 13 mulleres e unha menor foron asasinadas.
Basta de mirar cara outro lado, da falta de compromiso, dos erros que se permiten. Esiximos responsabilidade e maior compromiso de a tódalas institucións do noso Estado de Dereito.
Polo exposto, o Grupo Municipal da Marea Atlántica propón ó Pleno do Concello a adopción dos seguintes acordos:

Primeiro.- O Pleno Municipal manifesta o seu firme apoio  á campaña #EmerxenciaFeminista, convocada polas organizacións feministas e a colaboración coas entidades convocantes, a través do medios dos que dispón o concello mediante as seguintes accións:
1.      Iluminar de violeta a noite do 20 de setembro a fachada do Concello ou a zona onde se realice a concentración convocada polas organizacións como mostra do compromiso na loita contra a violencia machista, así como prestar o apoio e soporte preciso para a organización da concentración/manifestación e que lle poida ser solicitada polas organizacións convocantes.
2.      Pronunciamento público da corporación municipal contra os asasinatos machistas e contra toda forma de violencia contra as mulleres, contra a normalización da mesma, e contra a apatía e a indiferenza.
3.      Posicionamento da corporación contra todas aquelas medidas, campañas e mensaxes que contribúan á xustificación da violencia de xénero, que promovan a súa minusvaloración ou cuestionamento  así como das ferramentas normativas das que nos temos dotado para combatela. Non podemos permitir que teñan un espazo de poder quen non recoñece a violencia de xénero como un problema social, contra o que hai que loitar sen descanso dende tódalas instancias: iso é terrorismo de estado.



MOCIÓN SOBRE A EMERXENCIA CLIMÁTICA
As organizacións indicadas no anexo adxunto diríxense ao pleno do Concello de A CORUÑA e aos grupos políticos para instalos ao recoñecemento do estado de emerxencia climática no que nos atopamos mediante a adopción da presente moción e das medidas que dela se deriven. O Concello de A CORUÑA recoñece que o planeta, así coma os seres vivos e os ecosistemas, atópanse en grave perigo, proba disto son os recentes informes sobre o estado da biodiversidade do IPBES sobre o quentamento global de 1,5ºC do IPCC, que alertan dun rumbo que leva á extinción dunha grande parte dos ecosistemas terrestres. Un millón de especies están ameazadas pola actividade humana. Tamén estase ao bordo do punto de non retorno fronte ao cambio climático. Non responder ante a crise ecolóxica e da civilización suporía a morte de millóns de persoas, ademais da extinción insubstituíbel de especies imprescindíbeis para a vida na Terra, dadas as complexas interrelacións dos ecosistemas. Neste senso aceptamos a verdade da crise climática e a gravidade da situación. Admitir as evidencias científicas, así coma o camiño de redución das emisión propostas é o único xeito de protexer a existencia dun futuro para o concello. A cidadanía debe entender a urxencia e irreversibilidade desta loita e o Concello de A CORUÑA pode desempeñar un papel clave na formación, educación e información sobre o necesario freo ás emisións de gases de efecto invernadoiro e realizar unha vital adaptación ás consecuencias do incremento da temperatura global. Declarar a emerxencia climática require asumir o cumprimento de compromisos políticos reais e vinculantes, moito máis ambiciosos que os actuais, coa conseguinte asignación de recursos para facer fronte a esta crise. Unha folla de ruta vinculante capaz de garantir as reducións de gases de efecto invernadoiro anuais necesarias, abandonar os combustibles fósiles, apostar por unha enerxía 100% renovable e reducir a cero as emisións netas de carbono o antes posíbel, de xeito urxente e prioritario, en liña coas indicacións do informe do IPCC para limitar o aumento das temperaturas globais a 1,5ºC. Un estado de emerxencia implica reconduciren todos os recursos posibles dos Concellos para encarar a crise climática cos problemas asociados que implica. A declaración de emerxencia climática supón iniciar un proceso de educación, formación e concienciación a toda a poboación sobre a verdade da crise ecolóxica e o enorme cambio necesario para retardar a emerxencia. Ante a mesma o Concello comprométese a iniciar este proceso de transformación social e asegurar a plena consecución dos seguintes obxectivos xerais.
Polo exposto, o Grupo Municipal da Marea Atlántica propón ó Pleno do Concello a adopción dos seguintes acordos:

Primeiro.- Establecer os compromisos políticos, normativas e recursos necesarios para garantir reducións de gases de efecto invernadoiro para chegar ao balance neto cero non máis tarde de 2040 e a ser posíbel antes de 2035, así como deter a perda da biodiversidade e restaurar os ecosistemas coma única resposta posíbel para evitar un colapso de todos os sistemas naturais, incluído o humano.
Segundo. Abandonar os combustibles fósiles, apostando por unha enerxía 100% renovábel de xeito urxente e prioritario. Para elo os gobernos municipais deben analizar como lograr este obxectivo e propoñer os planes de actuación necesarios. Entre outros, frear novas infraestruturas fósiles, alcanzar o pleno autoconsumo eléctrico 100% renovábel e unha mobilidade sostible o antes posíbel, crear espazos peonís, fomentar a bicicleta e outros medios de transporte non contaminantes, reducir a demanda de enerxía ata consumos sostíbeis, promover o aumento da eficiencia enerxética e das instalacións renovábeis, crear espazos educativos e de información á poboación sobre a emerxencia climática, acadar unha política de residuo 0, evitar os bancos, cos que traballa o municipio, que financien proxectos baseados en combustibles fósiles, apoiar a xestión dos comunais enfocada á recuperación da terra fértil e o freo da erosión. A recuperación dos acuíferos, a recuperación dos pastos a través da xestión intelixente do territorio, determinar apoios e beneficios fiscais para os pobos e aldeas que desenvolven funcións claves de mitigación do cambio climático e abordar proxectos de rexeneración rural, ecolóxica e humana.
Terceiro. É necesario avanzar, entre outras, nunha economía local e de proximidade, que impulse a soberanía alimentaria, silvicultura, agricultura e gandería ecolóxica e de proximidade. Acadando o antes posíbel o pleno subministro agro-ecolóxico nos servizos de restauración municipais e estendéndoos ao resto da poboación.
Cuarto. Iniciar a necesaria adaptación dos municipios á crise climática, coas consecuencias do incremento da temperatura global, as olas de calor, a irregularidade das precipitacións, o aumento do nivel do mar e outras manifestacións que xa están a producirse.
Quinto. A xustiza, a democracia e a transparencia deben ser piares fundamentais de todas as medidas que se apliquen, polo que se ten que establecer un mecanismo de toma de decisións cidadán de carácter vinculante con competencias en materia de vixilancia, seguimento e control das medidas adoptadas. Para elo será necesario establecer indicadores e obxectivos verificables e cuantificables. Faise necesario garantir que este mecanismo integre especialmente a visión de xénero e doutros colectivos vulnerábeis.



O Grupo Municipal da Marea Atlántica, a través da súa voceira, María García Gómez, en virtude do dereito que lle confire o Regulamento Orgánico Municipal (ROM), presenta a seguinte MOCIÓN para o seu debate no pleno sobre a remunicipalización da rede de bibliotecas municipais.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A rede municipal de bibliotecas, con máis de vinte e cinco anos de servizo á veciñanza, constitúe un dos principais recursos culturais do Concello da Coruña. Integrada por oito centros, dous especializados e seis de proximidade, e case un cento de traballadores e traballadoras, supón para a facenda local un investimento superior aos 4,5 millóns de euros anuais e acada un grao de penetración social moi elevado: case a metade da poboación, máis de 100.000 persoas, é usuaria da rede, que rexistra máis dun millón de visitas e 400.000 préstamos cada ano.
Tanto a envergadura dos recursos empregados como a calidade do servizo fan das bibliotecas municipais un dos principais activos do sistema de benestar de proximidade e un referente para todo o estado. Referente que, por desgraza, non é hoxe enteiramente público. Arredor do 65% dos centros e do persoal, como consecuencia de decisións políticas erradas adoptadas no pasado e complexas de reverter hoxe, están en mans dun operador privado. O custo para as arcas municipais supera os 2,3 millóns de euros anuais.
A privatización das bibliotecas municipais da Coruña, decisión que non foi fundada en criterios técnicos, senón en discutibles obxectivos económicos, introduciu importantes distorsións no funcionamento e supón un freo, cando non unha ameaza, para o futuro desenvolvemento da rede. A xestión relacional é unha das principais fortalezas da rede, o que esixe unha coordinación directa e continuada dificilmente compatible coa xestión privada dunha parte do servizo.
Coñecedor desta situación, e dentro da súa aposta pola remunicipalización de servizos públicos esenciais, nomeadamente no ámbito do benestar de proximidade, o goberno municipal da Marea Atlántica comezou na primavera de 2016 un pioneiro e complexo proceso cara á recuperación para o sector público da rede de bibliotecas que garantise, ao mesmo tempo, o mantemento do emprego. Un proceso no que o conxunto da Corporación puido participar a través da comisión especial creada a iniciativa do alcalde Xulio Ferreiro.
Malia ás múltiples resistencias, en boa medida derivadas da normativa responsable de ter mermado os recursos e as capacidades do sector público nos últimos anos, o 29 de abril de 2019 este proceso culmina coun acordo da Xunta de Goberno Local que lle encomenda a unha das sociedades públicas do Concello da Coruña, a Empresa Municipal de
Vivenda (EMVSA), a prestación do servizo e a subrogación do persoal. Lamentablemente, o bloqueo dos representantes do PP e o PSOE no consello de administración da compañía, sumado á inhibición do BNG, deu como resultado a paralización do proceso.
Tras as eleccións municipais do pasado mes de maio, as manifestacións do goberno municipal do PSOE a respecto desta cuestión resultan confusas, cando non directamente contraditorias. Mentres se asume, coa boca pequena, a vontade de remunicipalizar a rede de bibliotecas, se toman decisións, como a renuncia ao contrato de urxencia e o inicio dun novo procedemento de licitación, que levan a pensar que esa remunicipalización non se dará, en ningún caso, no presente mandato.
Cómpre clarificar canto antes o horizonte, non só porque o goberno municipal ten a obriga de ser transparente nos seus compromisos coa cidadanía e cos grupos da oposición, senón tamén para evitar que os traballadores e as traballadoras das bibliotecas sexan de novo reféns do debate político. Por todo isto, o Pleno da Corporación
ACORDA
1.- Instar ao goberno municipal a completar o proceso de remunicipalización das bibliotecas nun prazo non superior a dous anos, garantindo que o conxunto da rede sexa de xestión directa e todo o persoal sexa subrogado ao remate do presente mandato.
2.- Constituír unha Comisión Especial integrada por todos os grupos municipais, tal e como se prevé no Regulamento Orgánico Municipal, para asegurar a execución deste acordo e a súa debida fiscalización.



No hay comentarios:

Publicar un comentario