Traductor

domingo, 29 de septiembre de 2019

Noticias do Concello da Coruña


Celemín fala da consolidación do
IV Encontro Internacional de
Música de Pulso e Púa

O ciclo incluirá 25 actuacións do 1 ao 6 de outubro de grupos e cantautores procedentes de Colombia, Portugal, Chile, Rusia e España




O concelleiro de Cultura, Jesús Celemín, presentou esta mañá o IV Encontro Internacional de Música de Pulso e Púa, que terá lugar do 1 ao 6 de otubro en distintos escenarios da cidade e a provincia coruñesa coa posta en escena das agrupacións Dúo Sonoridades, de Colombia; o Dúo Dos Púas, de España e Rusia; as portuguesas María Quê e o grupo Cançao de Coimbra e Fado de Lisboa; e a chilena Andrea Andreu M., que tocarán todos xuntos nunha jam session o día 5, no Sporting Club-Casino, e na gala de clausura o 6, no teatro Rosalía. 

O edil falou da consolidación dunha cita que en cada entrega amplía o seu radio de acción chegando este ano ás localidades de Arzúa, Bergondo, Betanzos, Carral, Culleredo, Negreira, Noia, Oleiros e A Coruña, cun total de 25 actuacións. Tamén agradeceu o esforzo da asociación Pórtico das Artes por reunir unha selección de música de nacionalidades diferentes. A súa presidenta, Rosa González, destacou que nesta entrega se lle dará máis visibilidade á muller con Andrea Andreu M., as fadistas Cristina e Vera Lima; e Irina Kazimirskaya e Natalia López, de Dúo dos Púas, que estarán acompañadas por instrumentistas portugueses e colombianos. A coordinadora lembrou que a iniciativa naceu dunha suma de vontades e “somos todos os que logramos realizalo cunha calidade extraordinaria”. González remarcou a actividade didáctica que engloba o evento e que terá lugar en distintos centros escolares polas mañás. 



Inés Rey aposta por unha comunicación fluída coas asociacións veciñais

A alcaldesa asistiu este mediodía a un xantar organizado pola Confederación
Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” (CoGaVe)  



 A alcaldesa Ines Rey participou este mediodía nun xantar organizado pola Confederación Galega de Asociacións Veciñais “Rosalía de Castro” (CoGaVe), que tivo lugar no restaurante Finisterrae La Torre, e na que a rexedora destacou que “un Goberno local non pode ir á marxe de asociacións como as que presidides e das que formades parte, que levan anos traballando para ser unha canle directa e achegar as queixas e parabéns da veciñanza”. 







Rey sinalou que ningunha corporación debe deixar atrás as traxectorias destes colectivos que intermedian para lle garantir á cidadanía unha mellor calidade de vida e atender, segundo as demandas, os colectivos que máis o necesitan: “É a nosa responsabilidade darlle prioridade neste mandato ás mulleres que non están en igualdade de condicións, aos menores e ás familias, sen esquecer aos mozas e mozos e o colectivo inmigrante. Convivencia e respecto son a clave que fará de nós unha sociedade máis rica”. A alcaldesa espera que o encontro de hoxe sexa o principio dunha comunicación fluída da que “os máximos beneficiarios sexades vós e nós, as veciñas e os veciños galegos”.  




O servizo de salvamento atendeu 760 persoas nas praias coruñesas


O Orzán e Riazor foron os areais onde se asistiu a máis usuarias e usuarios nunha tempada en que a primeira causa de asistencia foi por abrasións non solares e feridas superficiais 

 O servizo de salvamento e socorrismo asistiu este verán un total de 760 persoas nas praias coruñesas, 154 máis que en 2018. Os areais de Orzán e Riazor foron onde se produciron algo máis da metade das asistencias, un 54%, 220 no primeiro e 191, no segundo punto, seguido de San Amaro con 158 incidencias e Oza, onde se rexistraron 139. Nas Lapas, o persoal atendeu a 52 persoas durante toda a tempada. En canto á orixe das intervencións, un 30% foron a causa de abrasións non solares ou feridas superficiais, en concreto, 229, cun aumento das provocadas por picaduras de escarapote que se converteron na segunda razón con 161 afectadas e afectados, máis do triplo que en 2018, en que 41 usuarios sufriron unha picadura deste peixe; 81, en 2017. 

Por outra parte, baixou o número de persoas con cortes, un total de 97, con respecto ao ano pasado, no que 206 recibiron curas por parte dos profesionais, que apenas atenderon a usuarias e usuarios por abrasión solar, con cero casos, ou por mareos debido ás altas temperaturas, cun total de 19 afectadas a diferenza das 30 de 2018. Tamén diminuíron os traumatismos, as rozaduras, os danos oculares e as ampollas. O servizo tivo que rescatar nestes tres meses a dez bañistas, seis foron os que socorreu na anterior tempada, mentres que sete persoas se perderon e pediron axuda nas praias da cidade.   



Educación reclama a figura do especialista en Audición e
Linguaxe en sete centros da cidade

Despois de manter conversas cos responsables dos colexios, o concelleiro Jesús Celemín confía en que Xunta cubra este posto para darlle o tratamento específico aos alumnos con dificultades nos terreos da dicción e da expresión

A concellería de Educación confía en que a administración autonómica incorpore a figura do especialista en Audición e Linguaxe (AL) en sete colexios da cidade que actualmente non contan con ela como son o
CEIP Rosalía de Castro, que comparte profesional co Xosé Cornide; o CEIP Labaca, o CEIP San Pedro de Visma, o CEIP Prácticas, o CEIP Emilia Pardo Bazán e o CEIP Alborada. Desde o Concello entenden necesaria a presenza dunha experta ou experto en educar o alumnado con necesidades específicas nos terreos da dicción e da expresión. 

O edil Jesús Celemín explica que a Xunta lles contestou que cubrirían o posto con mestres de pedagoxía terapéutica, pero cre que se trata de reforzos distintos e que os estudantes con dificultades na linguaxe deben contar con persoas especializadas na materia. O concelleiro conversou estes días cos responsables dos centros afectados e ten pensado facelo coas asociacións de pais e nais en caso de que non se solucione o problema: “Son persoas vulnerables e non podemos deixalos sen as atencións que precisan”, sinalou.


No hay comentarios:

Publicar un comentario