O Pleno do Concello da Coruña ratifica de novo a Declaración de
María Pita e inicia a
construción
da Área Metropolitana
Coa única abstención do PP, a
maioría da corporación acorda impulsar a redacción dun Anteproxecto de Lei para
mellorar os servizos ás 400.000 persoas que viven na Coruña metropolitana
Xulio Ferreiro: “Hai dúas formas
de facer oposición, a do bloqueo porque si, e a de impulsar ao goberno a facer
cousas beneficiosas para a veciñanza”
O grupo municipal da Marea Atlántica celebra que o Pleno
Coruña aprobase hoxe iniciar os trámites para construír a Área Metropolitana e
ratificase de novo a Declaración de María Pita tres anos despois da súa
sinatura, o 20 de outubro de 2016, que xa aprobaran daquela todos os demais
municipios. Co voto favorable de todos os grupos, agás o PP que se abstivo,
rematan así 30 anos de illamento localista e tres anos de bloqueo á iniciativa
que puxo en marcha o alcalde Xulio Ferreiro no mandato anterior, e que agora se
recupera grazas a o pacto á coruñesa entre a Marea Atlántica e o PSOE.
Ferreiro, que asistiu hoxe ao pleno, xunto aos deputados do
Grupo Común da Esquerda, Antón Sánchez e Xan Xove, declarou que “hoxe é un día
para celebrar, un día no que bota a andar a Área Metropolitana, pola que traballamos
moitísimo no anterior mandato, e que non se puido aprobar por bloqueos
difíciles de entender. Cando estea funcionando, dando servizo á veciñanza e
garantindo que A Coruña siga a ser o motor de Galicia, recoñecerase o esforzo
realizado”.
O ex-alcalde sinalou que os catro asuntos da parte
resolutiva do Pleno foron hoxe herdanza do mandato anterior. Á Área
Metropolitana hai que sumarlle a aprobación definitiva da Ordenanza da
Igualdade (xa tramitada inicialmente o 6 de maio de 2019), a renovación do
compromiso coa Axenda Urbana 2030 (para o que A Coruña xa é cidade piloto
grazas a un convenio con ONU Hábitat), e a reserva de fondos para o proxecto
piloto Conecta Coruña, dentro do Plan Nacional de Edificios
Intelixentes de Red.es, que o goberno anterior deseñou e reforzou con axudas
europeas.
“Isto amosa que hai dúas
formas de facer oposición, a do non a todo e a de impulsar ao goberno a facer
cousas beneficiosas para a veciñanza” dixo Xulio Ferreiro, que tamén lamentou que o Partido Popular non quixese
sumarse á aprobación da Área Metropolitana, amosando unha vez máis que “non cre
na Coruña”.
Cara a un novo anteproxecto de lei
Na mesma liña, o vicevoceiro municipal da Marea Atlántica,
Iago Martínez, saudou como unha “boa noticia” o paso dado hoxe no Pleno,
ratificando a mesma Declaración de María Pita e aprobando por maioría absoluta
o que rexeitou aprobar o PSOE daquela, iniciar formamente o procedemento
previsto no artigo 122 da Lei de Administración Local de Galicia. “O que mudou
desde entón foi que agora hai unha oposición capaz de poñer o interese xeral
por enriba do partidismo”. O seguinte paso será elaborar, na Comisión Especial
para Área Metropolitana, dun anteproxecto de lei que se levará ao Parlamento de
Galicia para a súa tramitación. Servirá para mellorar a mobilidade, a xestión
integral da auga, a infraestrutura verde, ou a creación de solo industrial,
apostando polo emprego e a innovación.
Martínez agradeceu o cambio de posición do PSOE e o apoio do
BNG, xa manifestado en 2016, e “aos alcaldes e alcaldesa que xa aprobaron a
Declaración de María Pita, moitas veces en contra dos seus partidos: Benito
Portela, alcalde de Sada; Alejandra Pérez, alcaldesa de Bergondo; Ángel García
Seoane, alcalde de Oleiros; Óscar García Patiño, alcalde de Cambre; José Ramón
García, ex-alcalde de Betanzos; Julio Sacristán, ex-alcalde de Culleredo; o seu
sucesor, José Ramón Rioboo; e José Antonio Santiso Miramontes, alcalde de
Abegondo. E, moi especialmente, a Xulio Ferreiro”.
Pola súa banda, Xan Xove celebrou “que superemos 30 anos de
illamento localista na Coruña e avancemos na interconexión dos concellos
limítrofes e a mellora de servizos para as persoas que viven neles. Desde o
Grupo Cómún da Esquerda comprometemos xa o noso apoio para tramitar o Anteproxecto
de Lei no Parlamento de Galicia”.
Ordenanza de Igualdade: feminismo para avanzar
No Pleno deste 3 de outubro aprobouse tamén, de xeito
definitivo, a Ordenanza de Igualdade xa aprobada inicialmente o 6 de maio.
Trátase dunha normativa elaborada no mandato anterior, que convirte a loita
pola igualdade dunha obriga dos gobernos municipais, sexa cal sexa a súa cor.
“É un paso máis cara ao feminismo, cara a onde debe camilar unha sociedade
avanzada”, asegurou a concelleira Silvia Cameán.
Cameán explicou que esta ordenanza “déixanos unha cidade
máis diversa, máis libre e máis aberta, pola que a anterior concelleira de
Igualdade, Rocío Fraga, e o seu equipo se deixaron a pel”. Desde agora a
paridade nos órganos municipais, a linguaxe inclusiva, a loita contra as
violencias machistas e a análise do impacto de xénero das políticas municipais
son unha obriga, non unha opción.
“A igualdade debe ter a máxima atención e recoñecemento por
parte dos gobernos, porque a nós, as mulleres, a pesar dos avances e a loita
incansable do movemento feminista aínda nos falta moito por avanzar”, afirmou
Silvia Caméán. “Somos nós as que cobramos menos que os homes, as que temos
triples xornadas laborais, as que temos dificultades para acceder a cargos de
responsabilidade, as que pasamos medo ao volver a casa pola noite e as que
somos asasinadas”.
Por iso, a concelleira confía en que a aprobación da
Ordenanza de Igualdade vai ser útil para toda a veciñanza da Coruña,
“especialmente cando algúns pretenden regresar a tempos nos que as mulleres
tiñan vetado o acceso a todos os dereitos cidadáns”.

No hay comentarios:
Publicar un comentario