O Concello impulsa a
construción da Cuarta Rolda, clave para o desenvolvemento económico da cidade e
da área metropolitana
O Goberno municipal confía
en contar co apoio de todas as forzas políticas nun “proxecto de cidade”
A alcaldesa e os
concelleiros de Urbanismo e Innovación reuníronse esta mañá con asociacións de
veciños e empresarios dos polígonos da Grela, Pocomaco e Vío para falar sobre o
estado do proxecto
O Concello da Coruña impulsará, xunto co Ministerio
de Fomento, a construción da Cuarta Rolda, unha infraestrutura clave para o
desenvolvemento económico da cidade e da área metropolitana que dispón xa dun
estudo informativo e dun informe de declaración ambiental.
“Farémolo da man das persoas representantes dos polígonos,
do tecido empresarial e da veciñanza”, explicou Inés Rey. Trátase dun proxecto
de cidade no que o Goberno local busca implicar a todos os partidos políticos e
no que “non caben partidismos nin ideoloxías”. Para iso, o grupo municipal
socialista presentará no próximo pleno ordinario para a súa aprobación unha
Declaración Institucional co fin de sumar o apoio do resto de forzas. ”Non
renunciaremos a esta infraestrutura”, apuntou a rexedora durante a reunión que
mantivo cun pool de asociacións de veciños e empresarios da cidade, integrado
pola Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e da Área Metropolitana e os
polígonos de Pocomaco, A Grela, e Vío, para falar da importancia do vial.
O encontro, no que tamén estiveron presentes o edil de
Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, e a concelleira de Innovación e Industria, Eva
Martínez Acón, serviu para
“xuntar esforzos“ e que as entidades presentasen un informe
que lle pon cifras aos efectos da execución deste vial
atendendo ao crecemento do emprego, o investimento privado e a recadación das
distintas administracións “en definitiva ao desenvolvemento da Coruña e da súa
comarca”.
A rexedora sinalou que o Goberno local está en contacto
permanente co Ministerio de Fomento sobre este vial, que terá unha lonxitude de
2,9 quilómetros e que conta cun orzamento aproximado de 27 millóns de euros. A
Cuarta Rolda supón a prolongación da AC-15, o novo acceso ao Porto Exterior,
ata conectar coa AC-14 a Terceira Rolda. Trátase, explicou a rexedora, dun vial
que non só é fundamental para a conexión co Porto Exterior, senón que del
depende o futuro desenvolvemento de toda a cidade e da área. “Desconxestionará
zonas de tráfico que nestes momentos xa están saturadas como os polígonos da
Grela e Pocomaco, facilitará a comunicación con Vío e converterase no motor da
atracción de empresas que necesitamos”, dixo.
Para o Concello, a construción desta infraestrutura
planeada por Fomento evitaría o futuro colapso do tráfico nesas zonas, unha vez
que o Porto Exterior e os polígonos de Vío e Morás alcancen a ocupación
prevista. A estrada terá a súa orixe no enlace do acceso ao Porto exterior,
entre a AC-15 e a AG-55, finalizará enlazando coa Terceira Rolda en Pocomaco e
dispoñeranse os ramais necesarios que permitirán conectar o Porto Exterior.
Esta infraestrutura, explicou, permitirá canalizar os
tráficos de vehículos pesados desde o Porto Exterior da Coruña cara á A-6 a
través da Terceira Rolda, nunha zona onde se sitúan os principais accesos aos
polígonos da Coruña e conseguirase desta maneira mellorar a mobilidade,
seguridade e tempos de percorrido para os tráficos xerados polo Porto Exterior
e aumentarase así a súa competitividade. Da mesma maneira, conseguirase con
esta actuación conectar o Porto Exterior e o porto interior da cidade a través
da AC-15, Terceira Rolda e AC-10.
A alcaldesa cualificou de “incontestables” as cifras
recollidas no informe presentado polo persoal representante dos polígonos. A
construción do vial supoñería, explicou, maior captación de empresas,
incremento do investimento, un PIB máis equilibrado, maior peso da industria,
menor dependencia dos servizos e máis emprego. O estudo revela que nos próximos
dez anos a cidade podería contar con 796 empresas novas, 372 para Vío e 425
para As Rañas.
En canto á xeración de emprego, estímase en 11.075 os novos
empregos nos próximos dez anos; 5.298 en Vío e 5.867 nas Rañas. As persoas
residentes na cidade aumentarían en 7.693 persoas e na área metropolitana
situaríanse ao redor de 3.382. Os efectos deixaríanse notar na recadación
municipal por licenzas de obras e actividades arredor da cifra de 93 millóns de
euros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario